O castelo de Soutomaior volveu abrir as súas portas despois de que o persoal do servizo de Medio Ambiente da Deputación conseguise reparar os danos provocados por mor da climatoloxía adversa sufrida na provincia a pasada semana, durante a que se decretaron as alertas vermella e laranxa.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo unha avaliación dos danos que sufriu o complexo, os cales estimou "en arredor de 100.000 euros para facer fronte á reposición da situación". Esa cantidade vaise dedicar "a repoñer as árbores, os camiños, o mobiliario e os muros que foron afectados".
Entre outros danos tanto o mobiliario como a estrutura da finca quedaron afectados, chegándose a perder a corrente eléctrica das instalacións, tamén foi raxado o plástico que recobre o invernadoiro e o recinto quedou intransitable por mor das numerosas árbores que caeron e tamén polas pólas que quedaron suspendidas con risco de caída.
No complexo de Soutomaior perdéronse unhas 20 árbores.
NOVAS RUTAS DE SENDEIRISMO
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e do deputado provincial de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, aproveitaron a súa visita para presentar tres novas rutas de sendeirismo creadas no castelo de Soutomaior ao abeiro do Plan de Usos do edificio.
Abranguen preto de cinco quilómetros de percorrido. A ruta das camelias ten 900 metros de distancia e discorre arredor do castelo, comezando na escalinata de acceso ao parque e bordeando as edificacións da fortificación a carón das que se sitúan exemplares de camelias do século XIX e árbores singulares de Galicia como a sequoia, o falso ciprés de Lawson, un cedro xaponés e unha araucaria chilena.
Os outros dous roteiros circulares son a "ruta da Fraga" e a "ruta dos viñedos". A primeira delas ten un percorrido de 2,1 quilómetros que atravesan dende un pequeno regato ata lugares como a capela de San Caetano, a cadeira da Raíña e bosques de castiñeiros e carballos. A segunda delas, cunha distancia de 1,9 quilómetros, permite ás persoas interesadas visitar as 3,5 hectáreas de viñedos Rías Baixas que existen no parque do castelo.