O Casino dos Prados acollerá campamentos para nenos con Déficit de Atención e Hiperactividade

A Lama
16 de febreiro 2015

Os presidentes de Adahpo, Montse Álvarez, e do colectivo veciñal, Enrique Vaqueiro, explicaron que o inmoble está prácticamente en desuso, polo que os veciños buscaban o xeito de conservalo

Sinatura do convenio entre Adahpo e a Asociación de veciños de Xesta PontevedraViva

A Asociación de veciños de Xesta, na Lama, e a Asociación Déficit de Atención Hiperactividad Pontevedra (ADAHPO) asinaron un convenio para a cesión de uso do Casino de Os Prados.

Os presidentes de Adahpo, Montse Álvarez, e do colectivo veciñal, Enrique Vaqueiro, explicaron que o inmoble está prácticamente en desuso, polo que os veciños buscaban o xeito de conservalo.

O Casino, construído con fondos da emigración, é unha nave situada no medio da Carballeira de Xesta, cunha superficie de mil metros cadrados e habilitada con baños, cociña integral e amplos salóns de traballo. O convenio contempla a rehabilitación do edificio, por parte de Adahpo, para iso recorrerán a fondos propios e solicitarán unha axuda económica á Deputación. Ademais a Comunidade de Montes fará unha achega para contribuír a esta boa causa que repercutirá positivamente no pobo.

Os plans de Adahpo prevén empregar o vello Casino en campamentos, xornadas de convivencia e respiro familiar. Será o primeiro campamento que hai en Galicia para nenos con Trastorno Déficit de Atención Hiperactividade polo que esta iniciativa impulsou a constitución dunha Federación galega que aglutine a todas as asociacións existentes para que se poidan beneficiar desta iniciativa, segundo explicou Montse Álvarez.

"Es dificilísimo conseguir unas instalaciones adecuadas para hacer unos campamentos", indicou Montse Álvarez,"lo que te ofrecen es fuera de temporada" o que obriga a alugar outro tipo de servizos "lo que encarece muchísimo el precio a las familias", xa que no seu tempo libre estes nenos precisan máis monitores así como dunha enfermeira que controle a súa medicación.

Segundo informou Enrique Vaqueiro, o convenio contempla entre outras cuestións, o cambio de cuberta da nave, a adecuación dos baños para habilitar máis duchas e pavillóns con dormitorios, e as compatibilidades de uso entre ADAHPO e a Asociación de Veciños para comidas parroquiais e as festas do 24 de xuño e o 12 de agosto.

Ademais para estes traballos de reforma priorizarase a contratación de traballadores do concello da Lama.

CASETA DOS PRADOS

A Caseta dos Prados é unha parte fundamental para poder realizar as actividades que pretende a Asociación ADAHPO, posto que lles permite acceso ao río e a un incomparable contorna natural. Neste caso é o propio Concello o que xa está traballando na reparación dos desperfectos que presentaba a Caseta para deixala perfectamente acondicionada.

Esta foi a edificación que animou á Asociación a intentar conseguir a cesión por parte do Concello da Lama. Para iso presentaron o proxecto ao alcalde Jorge Canda, que o levou a pleno e obtivo por maioría absoluta unha cesión de dez anos para ADAHPO.

Despois puxéronse en contacto coa Asociación de Veciños de Xesta. Sabían que as instalacións do vello Casino estaban en desuso e era o espazo xusto que necesitaban para non ter que durmir en tendas de campaña e poder ampliar o número de prazas.