O Casal acollerá o campo de herba sintética que compartirán Salcedo e Lourizán

Pontevedra
18 de xaneiro 2017

Tras atopar petróglifos en Cabanas, no lugar onde o Concello ía construír un novo campo de fútbol, houbo que buscar un plan B. E a solución veu do vello campo de O Casal. Finalmente será alí, previa renovación integral das instalacións, onde se sitúe o campo de herba sintética que dará servizo ás parroquias de Salcedo e Lourizán

Visita de Anxos Riveiro e Demetrio Gómez ao campo do Casal Concello de Pontevedra

Tras atopar petróglifos en Cabanas, no lugar onde o Concello ía construír un novo campo de fútbol, houbo que buscar un plan B. E a solución veu do vello campo de O Casal. Finalmente será alí, previa renovación integral das instalacións, onde se sitúe o campo de herba sintética que dará servizo ás parroquias de Salcedo e Lourizán.

Os concelleiros Demetrio Gómez e Anxos Riveiro, xunto aos responsables das entidades deportivas e das comunidades de montes visitaron o campo do Casal xunto aos arquitectos que deseñarán o proxecto e os técnicos municipais para ver as necesidades e as propostas de todas as partes.

"Esta é a primeira toma de contacto sobre o terreo", explicaba Demetrio Gómez quen manifestou que "é un proceso participado, democrático, que leva o seu tempo". Todas as partes consideran que este campo ten unha situación excelente porque se vai converter na porta de entrada doutras moitas actividades deportivas no monte nesta parte do concello. 

Desde o Concello aseguraron que os tempos de proxecto, licitación e obra serán en prazos razoables pero "o realmente importante é facer as cousas ben e non a toda velocidade", segundo o edil delegado do Rural.

Ademais, Anxos Riveiro explicou que o feito de que Salcedo e Lourizán vaian a compartir o campo non ten porque afectar na práctica deportiva, xa que hai outras experiencias no Concello de instalacións deportivas, como os campos de herba sintética da Xunqueira, nas que xogan cada semana moitos clubs federados sen maior complicación.