O Carneiro ao Espeto inicia o camiño para ser festa de interese turístico nacional

Umia
19 de maio 2020

Estar en condicións de optar a ser festa de interese turístico nacional no ano 2021. É o obxectivo que marca o Concello de Moraña na súa estratexia para lograr este importante distintivo para o Carneiro ao Espeto, a súa festa gastronómica máis senlleira

Xuntanza para avanzar no expediente do Carneiro ao Espeto como festa de interese Concello de Moraña

Estar en condicións de optar a ser festa de interese turístico nacional no ano 2021. É o obxectivo que marca o Concello de Moraña na súa estratexia para lograr este importante distintivo para o Carneiro ao Espeto, a súa festa gastronómica máis senlleira.

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, dirixiu a primeira xuntanza do equipo de traballo encargado de acometer este amplo expediente, despois de que o goberno local valorara, ao longo dos últimos meses, o cumprimento dos requisitos para obter esta distinción.

O traballo previo inclúe diversos aspectos de documentación, certificación histórica, parámetros turísticos, novas tecnoloxías e comunicación e impacto en medios.

Esta tarefa se prolongará durante os vindeiros meses a través de diversas fases, un traballo que segundo Piñeiro "agardamos que dea os seus froitos porque o Carneiro o merece e cumpre con todos os requisitos, que agora deberemos plasmar na documentación".

A festa acadou o pasado ano unha cifra record de asistencia de 23.000 persoas na fin de semana central con presenza de xente de Galicia e de diversos puntos de España, "o que nos confirma que estamos no punto de partida axeitado para demostrar que o Carneiro é coñecido e recoñecido en toda España", engade a alcaldesa.

Con respecto á edición deste ano, que sería a número 51, o Concello avanza que "aínda se descoñece con exactitude" o que pasará con ela.

Estaba prevista para o 26 de xullo e "con total seguridade", afirma Luisa Piñeiro, non manterá o seu formato habitual polas restricións sanitarias e por propia prudencia. Así, estanse a estudar alternativas para exaltar, aínda que sexa doutro xeito, o prato emblema de Moraña.