O canon eólico permite á Lama mellorar a eficiencia enerxética do municipio

A Lama
11 de xaneiro 2013

A Lama, grazas a este proxecto, levou a cabo un proxecto de reforma e mellora da eficiencia enerxética do concello, que xa beneficia a todos os seus veciños, e que supón un importante aforro enerxético municipal

Alfonso Rueda durante a súa visita ao Concello de A Lama, co alcalde Jorge Canda Xunta de Galicia

Por cuarto ano consecutivo, a Xunta de Galicia volverá a poñer a disposición dos concellos galegos o Fondo de Compensación Ambiental, que estará dotado con 11,5 millóns de euros. Anunciouno o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, en A Lama.

Rueda e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, fixeron unha visita institucional ao Concello da Lama, onde comprobaron in situ as obras levadas a cabo neste concello grazas ao Fondo de Compensación Ambiental; tal e como lles amosou o alcalde da localidade, Jorge Canda.

Este fondo, posto en marcha polo Goberno galego, procede do canon eólico e por vez primeira permitiu aos concellos galegos beneficiarse directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia. De feito, desde que se puxeron en marcha, máis de 200 concellos galegos se teñen beneficiado destas axudas, que tan só o ano pasado supuxeron máis de 1,6 millóns de euros para os municipios da provincia de Pontevedra.

Un destes concellos é o da Lama, que grazas a este fondo levou a cabo un proxecto de reforma e mellora da eficiencia enerxética do concello, que xa beneficia a todos os seus veciños, e que supón un importante aforro enerxético municipal. A este respecto, Rueda explicou que se trata dunha factura que supón unha parte moi importante do gasto da Lama no seu orzamento anual.

Do mesmo xeito, o vicepresidente da Xunta tamén destacou a importancia deste tipo de axudas "que teñen contribuído a reducir o gasto corrente dos concellos nestes tempos de crise e baixada de ingresos", así como a potenciación dos recursos paisaxísticos e o  importante beneficio medioambiental que xeran.