O campus de Pontevedra acada un 104% de taxa de ocupación de novo ingreso nos graos

Pontevedra
30 de xullo 2024

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo coñeceu este martes os datos de ocupación logo de catro chamamentos de matrícula

Vista aérea do campus de Pontevedra na Xunqueira e da avenida de Compostela Universidade de Vigo

Un total de 3.902 persoas xa se matricularon a día de hoxe nas 3.752 prazas de novo ingreso das titulacións de grao que a Universidade de Vigo oferta para o curso 2024/2025. 

Isto tradúcese nunha taxa de ocupación do 104% en nun "éxito histórico", en palabras do reitor, que este martes presentou ante os membros do Consello de Goberno uns resultados, que segundo Manuel Reigosa, son "os mellores de toda a serie histórica de ocupación". 

Logo de catro chamamentos para efectuar a matrícula nas titulacións de grao e dobres graos ofertadas pola Universidade de Vigo, o campus de Ourense rexistra a maior taxa de ocupación cun 104,24% (1.058 matriculados en 1.015 prazas ofertadas), seguido de Pontevedra cun 104,03% (801 matriculados en 770 prazas) e Vigo con 103,86% (1.043 matriculados en 1.967 prazas).  

En canto aos graos pechados, a día de hoxe xa non hai prazas en 56 dos 71 títulos que se ofertan (79%). Por campus, en Ourense hai 17 titulacións pechadas das 21 que se ofertan (81%); Pontevedra pechou 10 das 12 ofertadas (83%) e no campus de Vigo hai 29 títulos pechados, do total de 38 ofertados (76%). 

Estes datos centraron parte do informe co que o reitor iniciou a derradeira sesión do Consello de Goberno do curso 2023/2024 na que, entre outras cuestións, os seus membros deron luz verde á aprobación dunha modificación parcial da Relación de Postos de Traballo (RPT), que permitirá incorporar á estrutura da Universidade de Vigo un Servizo de Recursos Humanos de Investigación e unha Sección administrativa da Oficina de Proxectos Internacionais. 

Por outra banda, deuse luz verde á creación do Instituto de investigación Lingua, ás bases do programa de retención de talento investigador, así como ao Plan Estratéxico do Campus Auga e ao Regulamento da Área de Benestar, Saúde e Deporte. 

Acordos que se adoptaron nunha sesión que comezou co informe do reitor, no que Manuel Reigosa confirmou que logo que o concurso para construción do edificio de Enxeñaría Aeroespacial quedase deserto, a licitación xa está preparada para saír de novo cun custo adicional dun 21%. 

Reigosa tamén confirmou que se segue a traballar, agora co novo conselleiro de Sanidade, para acadar un acordo para a creación da Facultade de Enfermaría o antes posible, que manifestou agarda que poida comezar a impartir o primeiro curso do grao no curso 2025/2026.

Por outra banda, o reitor avanzou que o acto de celebración da Megabau 2025, que ten como finalidade entregar os premios ao alumnado que acade os mellores expedientes da Abau do vindeiro curso.