O campus bate récords de produción de compost en menos tempo e máis calidade

Pontevedra
20 de abril 2017

Os técnicos da Deputación están sorprendidos polos resultados que están a ofrecer algúns composteiros como o do campus de Pontevedra. Os mestres composteiros presumen con orgullo do primeiro compost obtido na universidade, que marca un récord de produción en menos tempo e máis calidade

Primeiro compost do Campus de Pontevedra PontevedraViva

Os técnicos da Deputación están sorprendidos polos resultados que están a ofrecer algúns composteiros como o do campus de Pontevedra. Os mestres composteiros presumen con orgullo do primeiro compost obtido na universidade, que marca un récord de produción en menos tempo e máis calidade.

O tempo de produción non chega aos tres meses. Neste composteiro recolléronse 5 toneladas de biorresiduos, serán 20 ao cabo do ano, unha capacidade dabondo para atender as necesidades xeradas polas cafeterías-restaurantes universitarios. O índice de nitróxeno biolóxico ten chegado ao 7% (para facer un compost de calidade agárdanse índices do 2%).

De toda a bibliografía que hai estamos vendo cousas raras", sinalou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao comprobar xunto ao vicepresidente da Deputación, César Mosquera, como a temperatura que manteñen os composteiros é inusitadamente alta, con elevados niveis de nitróxeno "cousas que non están descritas, aínda".

Entre outros factores que contribúen a este resultado está o "bo comportamento dos aportadores", a involucración da comunidade universitaria e o traballo desenvolvido por Quique, o mestre composteiro.

Estas experiencias piloto están a dar unha base de aprendizaxe para que as institucións universalicen este tratamento dos residuos nos barrios e o rural.

"A clave é ir facendo as cousas con calma e boa letra", resumiu Mosquera. Esa é a explicación ao éxito que está a ter este programa que está a desbordar as previsións iniciais da Deputación.