O campo de tiro de Cernadiñas Novas acolle un campionato de armas históricas

Pontevedra
05 de outubro 2022

Tiradores procedentes de Galicia e Portugal, especializados no manexo de pistolas, revólveres e fusiles de avancarga, participan este sábado na décimo terceira edición do Trofeo Cidade de Barcelos de Armas Históricas

Presentación do XIII Trofeo Cidade de Barcelos de Armas Históricas Concello de Pontevedra

Expertos tiradores procedentes de toda Galicia e de Portugal volverán desenfundar as súas pistolas, revólveres e fusiles esta fin de semana no Campo de Tiro de Cernadiñas Novas, na parroquia de Bora, na XIII edición do Trofeo Cidade de Pontevedra de Armas Históricas.

O evento, organizado polo Club de Tiro Olímpico Cernadiñas Novas en colaboración coa Concellería de Deportes e a Federación Galega de Tiro Olímpico, desenvolverase na mañá deste sábado 8 de outubro, cun programa que incluirá as seguintes modalidades: Kuchenreuter (pistola a 25 metros), Mariette (revólver a 25 metros) e Vetterli (fusil a 50 metros).

Esta tradicional proba constitúese como un acontecemento deportivo co que se conmemora o acto de irmandade entre as cidades de Barcelos e Pontevedra (unha irmandade que data do ano 1971) e vense celebrando desde o 2009. Segundo explica Antonio Escudero, presidente do club de tiro pontevedrés, "esta competición consta de dúas tiradas: a primeira delas, o Trofeo Cidade de Pontevedra, que ten lugar o 1 de maio en Barcelos, e que organizan os compañeiros do Club de Tiro Fervenza, e en correspondencia, este Trofeo Cidade de Barcelos, que organizamos nós".

"Contaremos con tiradores especializados no manexo de armas de fogo de avancarga (armas nas que tanto o proxectil como o propelente son cargados pola boca do canón da mesma, a diferencia das armas de retrocarga, nas que o proxectil se introduce pola parte posterior) e a competición rexerase polas normas da Muzzle Loaders Associations International Confederation (MLAIC), o órgano reitor mundial para a competencia de armas de fogo de carga, contando con premios para as disciplinas de Kuchenreuter, Mariette e Vetterli", sinala Escudero.