O camiño municipal entre Xuncablanca e Altamira estará reformado nun mes

Sanxenxo
01 de outubro 2023

A superficie total de actuación é de 2.873,40 metros cadrados, un camiño con moderada intensidade de vehículos lixeiros e pesados que dan servizo a explotacións forestais próximas. Ademais, é unha vía de comunicación importante tanto para desprazamentos internos como de comunicación con Meaño

Vial que comunica Xuncablanca e Altamira Concello de Sanxenxo

COVSA será a empresa que execute os traballos de mellora do camiño municipal entre Xuncablanca e Altamira, en Vilalonga. Farao tras presentar unha oferta de case 43.000 euros, o que supón unha rebaixa de máis de 10.000 euros sobre o prezo de licitación.

A actuación conta cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e prevese un prazo de execución dun mes.

A superficie total de actuación é de 2.873,40 metros cadrados, un camiño con moderada intensidade de vehículos lixeiros e pesados que dan servizo a explotacións forestais próximas. 

Ademais, é unha vía de comunicación importante tanto para desprazamentos internos como de comunicación con Meaño cara ao sur e coa estrada PO-550 cara ao norte.

As obras previstas consisten na reparación da capa de rodadura do camiño municipal mellorando a superficie de rodadura e a rede de drenaxe das escorrentías superficiais do vial e as leiras lindeiras.

O camiño ten actualmente ten un pavimento de material bituminoso deteriorado, con fochancas, zonas con desprendemento de capa de rodadura e patoloxía "pel de crocodilo". 

Nesta obra tamén se inclúe a limpeza de cunetas a ambas as marxes para mellorar a escorrentía superficial e a drenaxe do camiño e leiras.

Previo á pavimentación, fresarase o pavimento e aplicarase unha rega de adherencia e, xa posteriormente, estenderase unha capa de rodadura bituminosa en quente e procederase á limpeza das cunetas.

Ademais, incorpóranse unha serie de unidades de obra para a mellora da seguridade viaria mediante a colocación de bandas redutoras de velocidade, sinalización horizontal lineal e o pictograma de velocidade máxima de 30 quilómetros por hora.