O cambio de nome de Juan Carlos I segue adiante tras rexeitarse o recurso dun particular

Pontevedra
12 de abril 2021

Non haberá marcha atrás. A avenida Juan Carlos I cambiará de nome. Virxinia Pereira, garante do legado artístico e político de Castelao, será a súa substituta. Farao a pesar do recurso presentado por un particular, que foi rexeitado este luns pola corporación municipal

Pleno municipal no Teatro Principal de Pontevedra Mónica Patxot

Non haberá marcha atrás. A avenida Juan Carlos I cambiará de nome. Virxinia Pereira, garante do legado artístico e político de Castelao, será a súa substituta. Farao a pesar do recurso presentado por un particular, que foi rexeitado este luns pola corporación municipal.

Igual que hai dous meses, cando o pleno adoptou a decisión de retirar ao rei emérito do rueiro de Pontevedra, os votos de BNG e PSdeG-PSOE permitiron desestimar esta alegación. Os concelleiros do PP e o edil non adscrito, Goyo Revenga, non apoiaron esta acción.

Carmen Fouces, en nome do goberno municipal, destacou que o expediente e os informes técnicos sobre o cambio de nome desta rúa son "claros" e lamentou que os populares non aproveitasen esta "nova oportunidade" para apoiar esta decisión.

Desde as filas do PP, o seu portavoz Rafa Domínguez apuntou a "fallos" na tramitación que provocaron que o recorrente, un veciño da propia rúa, sufrise "indefensión" ao non recibir contestación aos seus escritos "en tiempo y forma".

Ademais, Domínguez vaticinou que este asunto acabará nos xulgados.

O recurso presentado por este particular apuntaba que o cambio de denominación da rúa era "nulo de pleno dereito", entre outras cuestións, non existe unha fundamentación "legal nin moral" que xustifique esta decisión.

Engade que a opinión dos veciños aos cales afecta "profundamente" este cambio non foi tida en conta, especialmente a do recorrente que solicitou sen éxito comparecer neste procedemento administrativo.

CESIÓN DOS TERREOS PARA A RESIDENCIA

O pleno extraordinario celebrado este luns no Teatro Principal tamén aprobou, neste caso por unanimidade, a cesión á Xunta de Galicia dos máis de 5.000 metros cadrados da parcela que acollerá a nova residencia de maiores en Pontevedra.

Os terreos, situados entre as rúas Doce de novembro, Rúa Río das Leitugas, Poza dos Canos e Paxariñal, teñen un valor de mercado duns 4 millóns de euros e, segundo a edil Carme da Silva, é a máis importante que ten Pontevedra para destinar a equipamentos.