O Burgo celebra un ano máis as festas na honra do seu patrón, o Santiaguiño

Pontevedra
26 de xullo 2016

Cunha espectacular tirada de fogos de artificio, o barrio do Burgo puxo o broche de ouro ás súas festas anuais en honra do seu patrón, o Santiaguiño. Foron en total cinco días cheos de actividades lúdicas e culturais que tiveron, este luns 25 de xullo, o seu día grande

Procesión na honra a Santiaguiño do Burgo

Cunha espectacular tirada de fogos de artificio, o barrio do Burgo puxo o broche de ouro ás súas festas anuais en honra do seu patrón, o Santiaguiño. Foron en total cinco días cheos de actividades lúdicas e culturais que tiveron, este luns 25 de xullo, o seu día grande.

Centos de persoas participaron nos actos programados coincidindo co día de Santiago Apóstolo. A xornada comezou cunha nova edición, a vixésima, da súa carreira popular. Tras un pasarrúas a cargo de Dolmen e do grupo folclórico Os de Algures, celebrouse a tradicional procesión polo barrio.

A pesar das altas temperaturas foron moitos os que acompañaron ao santo no seu tradicional percorrido pola zona, acompañado como vén sendo habitual non só de fregueses, senón tamén de gaiteiros, cabezudos e os membros da Banda de Música de Pontevedra, que interpretaron un concerto ao terminar.

Xa pola noite, unha verbena na chaira do Recinto Feiral a cargo das orquestras Cosmos e Vigo, amenizou o fin de festa.

En todo caso, as festas concluirán este martes coa décimo oitava edición da festa homenaxe aos maiores do Burgo, que se celebrará ás oito da tarde no Teatro Principal.

Este ano os homenaxeados, todos eles maiores de 70 anos, son Ovidio Galego Val, Andrea Vidal Escudero, Ramiro Zarazo Alonso e Arminda Barrio Pérez.

AmpArticleViewer.default.tags