O brote de covid-19 derivado de viaxes de estudantes a Mallorca xa ascende a 80 positivos en Pontevedra

Pontevedra
28 de xuño 2021
Actualizado: 19:56

Sanidade continúa realizando un cribado intenso na cidade. Este luns subiu lixeiramente a porcentaxe de alumnos convocados que se someteu ás probas. Estaban citados 123 estudantes do instituto Valle Inclán e, a falta de media hora para o termo das probas, acudiran 83, o 67%

Cribado no Hospital Provincial a alumnado de institutos de Pontevedra Mónica Patxot

O  mega brote de covid-19 que se xerou en toda España derivado de viaxes de estudantes a Mallorca sumou nas últimas horas novos positivos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e suma xa 80 casos, a práctica totalidade na propia cidade. A última hora da mañá, o Servizo Galego de Saúde confirmou 58 casos, pero pola tarde xa elevou a cifra a 80, 32 máis que o sábado.

Pontevedra convértese, desta forma, na área sanitaria máis afectada de Galicia por este brote, co 78% dos casos. En toda a comunidade hai 102 casos confirmados, repartíndose os 22 restantes entre Vigo (9), Lugo (10) e Ourense (3). 

Na provincia de Pontevedra hai un total de 89 casos, o 87% dos confirmados en toda Galicia, segundo confirmou a Consellería de Sanidade. Estas mesmas fontes sanitarias tamén confirmaron que arredor da metade deste gromo de Pontevedra correspóndese con pacientes coa variante delta ou india da covid-19.

O impacto deste gromo xa se deixou notar na activiade dos institutos de Pontevedra. Así, por exemplo, este martes estaba previsto 

A Consellería de  Sanidade continúa realizando un  cribado intenso na cidade para detectar posibles positivos e o martes está previsto que se realice un  cribado no aeroporto de Santiago ante a chegada de 90 estudantes galegos que aínda permanecen en Mallorca en viaxes de estudos. Moitos deses alumnos son pontevedreses e outra parte proceden da Coruña. 

Ademais, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou coa conselleira de Saúde do Goberno balear que alomenos 18  galegos permanecen illados nun hotel de Mallorca, tras confirmar que interaccionaron nas festas que supostamente foron a orixe do gromo. Ademais de interesarse polo estado dos rapaces galegos, ofreceu a colaboración da Xunta para atallar canto antes o gromo.

En canto aos  cribados, este luns subiu lixeiramente a porcentaxe de alumnos convocados que se someteu ás probas. A semana pasada realizáronse  cribados na chaira do Hospital Provincial a alumnos dos institutos afectados directamente polos primeiros casos do brote e a metade dos convocados non acudiu á cita. Con todo, esta semana, a cantidade de persoas que non acudiron reduciuse.

Segundo as cifras tomadas a última hora da mañá, este luns estaban citados 123 alumnos do instituto Valle Inclán e, a falta de media hora para o termo das probas, acudiran 83, isto é, o 67%.

Unha das mozas que si acudiu fixo un chamamento á importancia de someterse aos test. "Es importante venir porque ya lleva esta situación durando mucho tiempo y es mejor asegurarse que todo va yendo con normalidad", sinalou. No seu caso, non foi a Mallorca nin estivo en ningunha festa con alumnado dos institutos afectados -outro dos focos de contaxio que se constatou e que provocou que o brote adquira maiores dimensións-. 

"Seguramente saldrá negativo, pero, aún así, creo que es importante colaborar para que se haga un screening más completo posible y salga todo bien", engadiu a nai desta alumna a PontevedraViva. A moza recibiu o domingo un sms convocándoa para facer a proba e aínda que ela non foi a Mallorca nin tivo contacto con estudantes que foron, o seu pai sostén que "me parece muy importante que se haga el test y compruebe que esté todo bien".

Durante toda esta semana, pasarán polo punto de realización de  PCR do Hospital Provincial un total de 358 alumnos de segundo curso de bacharelato de cinco institutos.

A semana pasada realizáronse probas nos institutos Sánchez Cantón, Sagrado Corazón, as Xunqueiras 1 e 2 e o colexio  SEK de Poio e esta semana tócalle a Valle Inclán (123 alumnos), Torrente Ballester (74), Luís Seoane (33), Frei Martín Sarmiento (84) e Los Sauces (44).