O botellódromo do Recinto Feiral reactívase porque o Concello entende que o consumo de alcohol está permitido nese espazo

Pontevedra
13 de outubro 2021

A concelleira Carme da Silva explica que os servizos municipais defenden que a área do Recinto Feiral é espazo dotacional e non está catalogado como parque polo que se permite o consumo de comida e bebidas sen incumprir a Lei de Saúde da Xunta que prohibe os botellóns. O goberno local busca resolver así os problemas de convivencia denunciados nas últimas fins de semana no centro histórico

Restos de botellón AntoinePound

Carme da Silva, concelleira de Festas no grupo de goberno, avanzaba este mércores que desde o Concello leva tempo pensando en solucións para evitar os problemas de convivencia que se denuncian durante as noites das fins de semana en diferentes rúas do centro histórico de Pontevedra.

A representante municipal lembrou a ordenanza aprobada en 2008 que regulaba as actividades festivas no municipio co traslado ao "botellódromo" situado no Recinto Feiral de todas estas celebracións habitualmente protagonizadas por mozas que consomen alcol.

Tras a aprobación en febreiro da Lei de Saúde Pública da Xunta de Galicia na que se prohibe expresamente o consumo de alcol en espazos públicos, a concelleira sinalaba que se volveron repetir as incidencias no centro histórico unha vez que as restricións derivadas da pandemia diminuíron. 

A concelleira anunciou que o goberno local recuperará o espazo do botellódromo para actividades de lecer e festivas, permitidas pola ordenanza municipal, ao entender os servizos xurídicos do Concello que esta área do Recinto Feiral é "dotacional", como recinto de infraestrutura cultural e feiral, e por tanto non se atopa catalogado como parque, rúa ou outro espazo no que expresamente se prohibe o consumo de alcol. "Este equipamento ten unhas características singulares", manifestou a representante municipal.

Da Silva indicou que se está elaborando o informe por parte dos servizos municipais para que se reactive a actividade de lecer durante as fins de semana nese espazo situado no aparcamento do Pazo da Cultura para que, cando se levante o estado de emerxencia, se poida consumir alcol neses equipamentos sen que se incumpra a lei autonómica. Esperan que xa poida entrar en funcionamento esta vindeira fin de semana.

O goberno local toma como referencia o Monte do Gozo, segundo explicou Carme da Silva, onde se realizaron actividades organizadas pola Xunta de Galicia durante este verán onde se consumían bebidas sen incumprir a  Lei de  Saúde Pública. As instalacións do Monte do Gozo tamén son dotacionais do mesmo xeito que sucede coa contorna do Recinto Feiral pontevedrés.

A concelleira indicou que o Concello conta con autonomía suficiente para aplicar unha ordenanza municipal sen realizar unha consulta previa á Xunta de Galicia sobre esta cuestión e por este motivo non acudirá á administración autonómica para estudar esta decisión coa que o goberno local tenta resolver as incidencias xeradas nalgunhas rúas pontevedresas con aglomeración da mocidade durante as noites das fins de semana.

Indican que estes incidentes están a rexistrarse en numerosas cidades co levantamento das restricións e consideran desde o goberno local que a normativa da Xunta xerou un problema que en Pontevedra se atopaba solucionado durante os últimos anos.

XUNTA DE PORTAVOCES

Precisamente a mellora da Illa das Esculturas, situada na contorna do Recinto Feiral, será unha das mocións que se debatirá o vindeiro 18 de outubro no pleno da corporación no Teatro Principal. É unha das tres mocións que presenta o Partido Popular a esta sesión.

Neste caso, a proposta presentada polo PP conta co apoio de todos os grupos políticos na comisión previa onde foi aprobada por unanimidade ao centrarse en proporcionar máis información e coidado aos elementos escultóricos situados neste espazo natural da Illa do Covo. No caso da petición dun convenio con Cáritas para o mantenemento do albergue foi ditaminada desfavorablemente na comisión de Benestar Social mentres que a relativa a cemiterios municipais irá a comisión esta semana e atópase pendente de ditame.