O BNG volve pedir solucións para o centro de saúde de Marín, no que as Urxencias se viron "desbordadas"

Marín
16 de agosto 2023

Celia García denuncia que "esta problemática está a afectar periodicamente á cidadanía marinense sen que o Goberno Local faga presión á Xunta de Galicia na busca de melloras na sanidade de Marín"

Centro de saúde de Marín Mónica Patxot

O BNG de Marín volve chamar a atención sobre a situación actual da asistencia sanitaria no municipio e, en concreto, sobre o funcionamento do centro de saúde de Marín, no que denuncia "falta de médicos e de atención á cidadanía nas urxencias" e pide solucións.

En canto ao servizo de Urxencias, sinalan que durante esta pasada semana se viron "desbordados unha vez máis" e que se produciron longas esperas para moitos pacientes

A concelleira do BNG Celia García Santomé lembra todas as concentracións e manifestacións celebradas nos últimos anos demandando unha sanidade pública e de calidade e critica que "semella que a atención do Goberno local non está enfocada nunha das peticións máis importantes da nosa veciñanza"

 Así, sinala que no pleno do xoves 10 de agosto consultou a situación coa alcaldesa, María Ramallo, preguntándolle se tiñan coñecemento de que as listas de agarda xa alcanzan os 15 días e as esperas en urxencias son "eternas" pero a resposta da rexedora foi que "defendía que o ocorrido era por baixas e vacacións"

Para a nacionalista, estas baixas e vacacións "non pode ser a escusa de que o centro de saúde de Marín quede baixo mínimos".

Celia García afirma que "a prioridade dunha administración para co seu pobo pasa por uns servizos de calidade dignos, como a sanidade pública e de calidade", e engade que "esta problemática está a afectar periodicamente á cidadanía marinense sen que o Goberno Local faga presión á Xunta de Galicia na busca de melloras na sanidade de Marín".