O BNG volve confiar en Félix Juncal para manter a Alcaldía e lograr un "Bueu de Excelencia"

Bueu
09 de abril 2023

As mulleres máis novas acapararán os primeiros postos da lista. Laura Ogando, que xa fora concelleira entre 2007 e 2015 irá no número 3; a xornalista de Beluso Carmen García ocupará o número 4 e a veciña de Ons e axente de viaxes Nérea Vidal entrará no número 10

Candidatura do BNG de Bueu para as municipais do 28M BNG de Bueu

O BNG de Bueu apostará para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio nunha candidatura encabezada polo actual alcalde, Félix Juncal, coa que buscan reeditar a Alcaldía e lograr un "Bueu de excelencia".

A candidatura coa que Félix Juncal buscará revalidar unha nova maioría en Bueu mestura a experiencia na xestión con novas incorporacións de mulleres novas que achegan a súa implicación no tecido social da vila.

Así, as mulleres máis novas acapararán os primeiros postos da lista. Laura Ogando, que xa fora concelleira entre 2007 e 2015 irá no número 3; a xornalista de Beluso Carmen García ocupará o número 4 e a veciña de Ons e axente de viaxes Nérea Vidal entrará no número 10.

Para o número 2 da candidatura o BNG elixe ao actual concelleiro e ex deputado provincial Xosé Leal e o resto do Top 10 ocuparano os actuais concelleiros e concelleiras Martín Villanueva (número 5), Silvia Carballo (6), Ricardo Verde (7), Alberto Moital (número 8) e Julio Villanueva (9).

Esta candidatura pretende facer de Bueu unha vila cun selo de calidade propio con identidade, modernidade e futuro.

O actual alcalde e candidato Félix Juncal que no pasado mes de xuño anunciara que aspiraría a encabezar de novo a lista do BNG ve neste equipo "entusiasmo, empatía e inconformismo para acadar novos soños colectivos". Considera este equipo "un valor seguro para Bueu".