O BNG ve "insuficientes" os descontos anunciados polo Goberno na AP-9

Pontevedra
18 de xuño 2021

O deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego reclama que se cumpra o acordo de investidura, que estabelece 100% de desconto para usuarios recorrentes, "tanto particulares como profesionais" todos os días da semana.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego BNG

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, afirma que os descontos para transportistas nas peaxes da AP-9 anunciados o xoves polo ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos son "claramente insuficientes" e reclama que o Goberno español implante xa as rebaixas tarifarias "cumprindo o estabelecido no acordo de investidura".

Rego lembra que o compromiso do Executivo estatal, como consta no acordo de investidura asinado en xaneiro de 2020, é que os descontos na AP-9 garantirán "como mínimo" a bonificación de 100% da peaxe para os usuarios recorrentes (dúas veces ou máis ao día), "tanto particulares como profesionais", durante todos os días da semana.

O deputado nacionalista criticou o anuncio realizado polo Ministro de Transportes, José Luís Ábalos, en Santiago de Compostela no sentido de que os transportistas profesionais terían un desconto de 20% "tanto en viaxes de ida como de volta". Rego considera que estes descontos "son insufientes, para alén de incumpriren o acordado".

O deputado do BNG reclama ao Ministro Ábalos que poña xa en marcha os descontos tal e como estaban previstos. En todo caso, e dado que se fala de garantir "como mínimo", Rego sinala que ao BNG lle parecería ben ese desconto a maiores para profesionais, "como complementario, nunca como substitutorio".

AUTOVÍAS

Por outra parte, o deputado nacionalista reafirmou a oposición do BNG á implantación das peaxes nas autovías, medida que o Goberno español se comprometeu diante da Unión Europea a que entrase en vigor antes de 12 meses, "unha medida que, para alén de antisocial, prexudicaría gravemente a economía galega", dixo Rego.