O BNG urxe convocar a Mesa de ENCE para buscar alternativas fóra da ría de Pontevedra

Pontevedra
27 de xullo 2021

Néstor Rego reclama colaboración a todas as administracións públicas implicadas para manter a actividade e pechar o ciclo produtivo en Galicia, garantindo a continuidade dos postos de traballo nunha localización alternativa fóra do dominio público marítimo.

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso BNG

O BNG chama ao Goberno do Estado a convocar a Mesa de Traballo para buscar fórmulas que dean continuidade aos postos de traballo e a Ence. A formación nacionalista propón aprobar un calendario de actuacións para que, Xunta e Goberno do Estado, dean solucións para que a actividade industrial continúe.

Logo da anulación da prórroga da concesión de Costas da que Ence gozaba desde o 2016 que recolle que a localización actual da pasteira en dominio público marítimo terrestre non se xustifica, desde o partido entenden que "é preciso que o Goberno convoque a mesa de traballo sobre Ence para que cheguen a unha solución e dea continuidade aos postos de traballo e á actividade industrial”, reivindica o deputado no Congreso, Néstor Rego.

No Bloque consideran que urxe abordar o traslado inmediato de Ence e a instalación da planta nunha localización adecuada para “garantir a continuidade real dos postos de traballo e sentar as bases dunha industria da madeira que complete os procesos produtivos en Galicia”, declara o nacionalista.

“Debe actuarse de forma urxente e pór as medidas para evitar que o resultado final deste conflito sexa inxusto, unha vez máis, para a clase traballadora. Debe lembrarse que a Ence ten beneficios millonarios, pero aínda así non adoptou as medidas necesarias para pór en marcha o traslado das instalacións actuais e non fixo os investimentos que permitirían pechar todo o ciclo produtivo do papel, o que xeraría o triplo do emprego actual e minimizaría o dano ambiental e social”, lembra Rego, quen ve "o forestal como un sector estratéxico que non pode depender das decisións de empresas privadas, necesita o impulso de políticas públicas".

Arquivado en