O BNG reivindica unha mellor sanidade e máis seguridade viaria para Barro

Umia
12 de xaneiro 2021

As emendas dos nacionalistas aos Orzamentos da Xunta inclúen a construción dun novo centro de saúde e unha actuación integral na PO-531 ao seu paso polo núcleo de Barro

O BNG pide á Xunta melloras en sanidade e seguridade viaria para Barro BNG de Barro

A mellora da sanidade pública e a seguridade viaria son os piares nos que se basean as emendas presentadas polo BNG para o Concello Barro aos orzamentos da Xunta para este ano. 

O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, acompañado por membros da agrupación local do BNG e do responsable do partido na localidade, Manuel Lourenzo, presentou este martes as reclamacións ás contas autonómicas. 

No que respecta á sanidade pública, os nacionalistas apostan pola construción dun novo centro de saúde valorado nun millón de euros. O actual, situado nun edificio antigo, "non reúne as condicións para prestar un servizo de calidade", argumenta o rexedor, que insiste, como leva facendo desde o 2015, na petición de dotar dunha nova infraestrutura de Atención Primaria ao municipio.

A mellora integral da PO-531 ao seu paso polo municipio para mellorar a seguridade viaria é outra demanda histórica da poboación de Barro. O alcalde agradece a instalación de novas rotondas, pero lembra que "está pendente unha actuación integral que dea seguridade a toda a xente que por alí se move, tanto a pé como en vehículos”, remata.