O BNG reitera a necesidade de transferencia da AP-9 para rematar coa "tomadura de pelo" a Galicia

Pontevedra
05 de abril 2019

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse estes venres ata Pontevedra para, desde un dos puntos con maior concentración de accidentes da rede viaria galega, volver demandar a transferencia a Galicia das competencias de tráfico e seguridade viaria que na actualidade ten o Goberno central 

Miguel Anxo Fernández Lores, Ana Pontón, Carme da Silva e Uxío Benítez, en Salcedo BNG

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse estes venres ata Pontevedra para, desde un dos puntos con maior concentración de accidentes da rede viaria galega, volver demandar a transferencia a Galicia das competencias de tráfico e seguridade viaria que na actualidade ten o Goberno central. Pide a transferencia de toda a seguridad e, en concreto, insiste na necesidade de actuar en relación coa autoestrada AP-9. 

Pontón visitou a N-550 en Salcedo acompañada pola candidata do BNG ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva; o alcalde capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores; e o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez. Elixiron este lugar por ser uno dos puntos negros das estradas galegas e como exemplo da urxencia desta competencia.

Os nacionalistas critican que en dez anos de Goberno de Alberto Núñez Feijóo na Xunta non se gañou ningunha competencia e tampouco a de tráfico e seguridade viaria e anuncian que o BNG reclamará no Congreso que se adopten medidas se logran representación despois das eleccións xerais do 28 de abril.

O obxectivo é, segundo explican, "aplicar unha xestión acaída á realidade do país" e "poñer coto" a unha sinistralidade viaria que na última década arroxou un tráxico balance de 1.300 vítima mortais.

"Demostramos en Pontevedra que outro modelo é posible, referente internacional en materia de seguridade viaria", indicou Pontón, que engadiu que o desexo do BNG é que o modelo pontevedrés se estenda, por iso reclaman a transferencia das competencias en seguridade viaria que xa teñen Euskadi e Catalunya "para mellorar en prevención e en calidade as estradas do país".

En aras desa seguridade viaria, o Bloque tamén demanda a transferencia das autoestradas para acabar cunha "desatención" do Estado que fai que a maior parte dos puntos negros estean en vías galegas, e tamén para poñer fin a unha "discriminación" do Estado que no caso da AP9 xa resulta unha "tomadura de pelo".

Carme da Silva comprometeuse a reclamar no Congreso a transferencia e, mentres non se materializa, impulsar orzamentos e propostas para reducir o número de accidentes nas estradas galegas. Sinalou que as medidas do Estado non funcionan, pois hai un incremento na cifra de sinistros, e propuxo aplicar o 'modelo BNG' que puxo en marcha o Concello de Pontevedra con éxito: en oito anos, cero vítimas mortais