O BNG presenta un acordo de mínimos para dar ao PSOE a presidencia da Deputación

Pontevedra
08 de xuño 2015

"Caciqueo cero", ese é, segundo o voceiro do Grupo provincial do BNG, César Mosquera, o resumo do "programa de mínimos" para a nova etapa e advertiu que "de ningún xeito" consentirán unha vinganza política nos investimentos da Deputación "agora que están os nosos"

César Mosquera, voceiro do Grupo provincial do BNG Mónica Patxot

"Caciqueo cero", ese é, segundo o voceiro do grupo provincial do BNG, César Mosquera, o resumo do "programa de mínimos" para a nova etapa da Deputación de Pontevedra para un "cambio profundo" que permita dar ao PSOE a presidencia.

Nunha rolda de prensa na sede da Administración provincial, un feito inusual cargado de simbolismo, Mosquera presentou o documento co "posicionamento do BNG" que poñerán sobre a mesa nas próximas negociacións para formar goberno. Un texto titulado "Pola equidade e transparecia", que está distribuído nos seguintes apartados: Principios xerais de funcionamento, Corporación, Plans provinciais, Actuacións propias da Deputación, Novas áreas a potenciar e, finalmente unhas Medidas organizativas.

Mosquera destacou que é a primeira vez na que unha forza política redacta un programa de mínimos para o goberno da Deputación, e advertiu que "calquera que queira contar co apoio expreso do BNG terá que contar con eles".

Os nacionalistas recoñecen que algunhas delas son propostas "moi xenéricas", e outras "presentan dificultade", como por exemplo as transferencias á Xunta do Centro Príncipe Felipe, da Escola de Canteiros, Areeiro, Mouriscade ou o Campamento da Lanzada.

Entre as liñas vermellas que marca o BNG figura a eliminación do 20% que se reserva o presidente de xeito discrecional. Un "excesivo presidencialismo" da institución que queren erradicar.

Ademais o Bloque pon como condición que nin Vigo nin Pontevedra poidan optar aos plans xenéricos da Deputación para os concellos da provincia. As dúas grandes cidades terían que negociar convenios bilaterais coa institución.

César Mosquera avogou por prestar servizos desterrando o "caciquismo", polo que advertiu que "de ningún xeito" consentirán unha vinganza política nos investimentos da Deputación "agora que están os nosos".

Con estas premisas os nacionalistas estarían dispostos a apoiar a investidura dun "presidente ou presidenta" do PSdeG-PSOE, que polo momento se perfila como "a posibilidade máis probable, pero non quere dicir que segura", admitiu o deputado provincial do BNG.

Arquivado en