O BNG pon o foco na xente nova que tivo que emigrar e propón medidas para que regrese "a sacar adiante o país"

Pontevedra
21 de abril 2019

De Alemania a Londres pasando pola Occitania francesa, Barcelona ou Gales. Este foi o percorrido que seguiu a cabeza de lista do BNG ao Congreso nas próximas eleccións xerais do 28 de abril por Pontevedra, Carme da Silva, na súa xornada de campaña deste domingo 

Carme da Silva mantén un encontro con xente moza emigrada Diego Torrado

De Alemania a Londres pasando pola Occitania francesa, Barcelona ou Gales. Este foi o percorrido que seguiu a cabeza de lista do BNG ao Congreso nas próximas eleccións xerais do 28 de abril por Pontevedra, Carme da Silva, na súa xornada de campaña deste domingo. Fíxoo sen necesidade de saír da sede local do partido, grazas ás novas tecnoloxías que lle permitiron contactar por Skype con xente nova que tivo que emigrar

Da Silva puxo o foco na xente nova que tivo que deixar Galicia para buscar un futuro laboral para insistir nas condicións desfavorables que atopan os máis novos na terra e na necesidade de que os gobernos impulsen medidas para poñer freo a esta sangría migratoria

Noelia conectouse por Skype desde Alemania, Saleta desde Londres, Rubén desde Barcelona e Hugo desde Barcelona. Na propia sede do BNG estiveron Marta, que está pensando en marchar fóra para continuar a súa formación, e Iria, que leva dous anos e medio en Gales e se atopa estes días en Galicia de visita. A todos eles deulles a oportunidade de explicar por que tiveron que irse e trasladoulles cales deberían ser, na súa opinión, as medidas a impulsar para que poidan regresar

"Precisamos que a nosa xente moza volva, que o talento volva a Galiza para sacar adiante o país", resumiu a candidata nacionalista, que considera que na comunidade galega hai "unha situación moi dura para construír proxectos de vida persoal e laboral". 

O encontro coa xente nova emigrada tivo algunha pequena dificultades de conexión que levaron a Carme da Silva a marcar como unha das prioridades para o futuro da comunidade galega "ter boas conexións". Entre as propostas do BNG para cambiar a situación, destacou que hai que traballar desde o punto de vista educativo e laboral. 

A nivel educativo, ve preciso transferir a Galicia a política de bolsas para conceder axudas en función da realidade sociooconómica galega e tamén impulsar a investigación. A nivel laboral, aposta por impulsar o tecido produtivo propio do país para aproveitar todas as súas potencialidades económicas e laborais e tamén derrogar as reformas laborais para fomentar o emprego estable e digno.

Con estas medidas considera que se podería poñer freo ao contexto que fixo que Noelia tivera que irse despois de rematar a carreira de Historia porque "aquí non había expectativas de nada" ou que Rubén se marchara despois de estudar Xornalismo e comprobar que era "imposible atopar traballo en condicións" na terra. 

Ademais, servirían para cambiar unha realidade socieconómica galega que fai que estes mozos da emigración non pensen en regresar a curto prazo a pesar de que así o desexan. "En Francia agora estase a vivir o movemento social dos chalecos amarelos polas políticas ultraliberais de Macron, pero aínda así, as condicións de vida aquí son mellores que no Estado español", destacou Hugo, que leva máis de seis anos na Occitania.

"Ningún país se pode permitir que o seu capital humano marche, sobre todo a xente nova con capacidade para desenvolver o potencial, investigar... Isto non acontece noutros países, que incluso pagan por quedar cos seus máis brillantes expedientes", sostén Carme da Silva, que atribúe ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo (PP), políticas que "regalan unha maleta ás persoas mozas con talento a pesares de que as necesitamos para sacar adiante o país e frear o seu avellentamento".

Da Silva insistiu en que o 28A é unha oportunidade para "exercer presión e cambiar as cousas" tanto en materia de emigración en concreto como para que Galicia teña voz independente e poida aportar solucións propias a outros problemas propios da man do BNG no Congreso dos Deputados. 

Na súa opinión, "é preciso sacar da irrelevancia política ao noso país". Por iso, interpelou ás persoas que lle queren a Galicia, votasen antes a quen votasen, para trasladarlles que "non hai outra forza política que exerza a defensa dos galegos con máis firmeza e dignidade que o BNG".