O BNG pide un 8 de marzo nas urnas para frear á dereita "antigalega" e "cavernícola"

Pontevedra
25 de abril 2019

O BNG arrancou a campaña animando ás mulleres a demostrar nas urnas a forza do 8M e na recta final, a portavoz nacional, Ana Pontón, volve facer esa apelación "máis necesaria aínda ante a evidencia de que a dereita de Colón supón unha ameaza para os dereitos das mulleres"

Vermú feminista organizado polo BNG Mónica Patxot

O BNG arrancou a campaña animando ás mulleres a demostrar nas urnas a forza do 8M e na recta final, a portavoz nacional, Ana Pontón, volve facer esa apelación "máis necesaria aínda ante a evidencia de que a dereita de Colón supón unha ameaza para os dereitos das mulleres".

"O PP de Casado e de Feijóo que se burla da violencia machista con ese si,si,si e falan de supremacismo feminista, ese Cidadáns de Rivera que defende os ventres de alugueiro e un Vox proclamando que unha muller violada non ten dereito a decidir se aborta ou non", explicou, "deben recibir unha contestación o 28 de abril da man dun BNG que lle está disputando escanos a Vox e Cs na Coruña e en Pontevedra, podemos frenalos", proclamou.

Nun encontro feminista con mulleres de diversos colectivos, concelleiras, deputadas e alcaldesas da provincia de Pontevedra, Pontón pediu ás galegas, ás feministas responder aos "profetas do medo", desde a "forza da ilusión e da convicción".

"Todas as feministas, todas as mulleres temos que estar o próximo 28A nas urnas para deixar claro que non imos dar nin un paso atrás, que non temos medo, que imos votar con ilusión, con convicción con toda a forza das mulleres que nos fixo avanzar ao longo da historia", salientou.

A portavoz nacionalista chamou a que "fronte á mensaxe do medo e da crispación da dereita", ás mulleres "votemos con ilusión e co convencemento de que en Galiza non imos permitir nin un só escano para esa dereitona antigalega e machista". "A forma de conseguilo é votando BNG, a favor das mulleres e permitir recuperar voz propia".

Pontón fixo este chamamento nun vermú feminista xunto coa candidata por Pontevedra, Carme da Silva, nun acto no que tamén lembraron a revolución portuguesa do 25A, cos caraveis vermellos convertidos en símbolo desa rebeldía que acabou coa noite de pedra no país veciño.

PROPOSTAS

En relación ás propostas á favor de igualdade das mulleres, o programa do BNG defende xulgados específicos de violencia de xénero en todas as cidades galegas e máis medios para combater o machismo. Oposición a calquera intento de legalizar os ventres de alugueiro e ampliar os permisos de maternidade e paternidade a un ano de xeito intransferible.

Nas súas palabras ante máis de medio cento de mulleres, Carme da Silva quixo aproveitar para poñer en valor o traballo das representantes do Bloque. Indicou que ser deputada é un dos retos máis grandes da súa vida por devolver ao BNG ao Congreso despois do bo traballo realizado por Olaia Fernández Davila, a primeira muller deputada nacionalista no Congreso.

"Sei que hai moitas mulleres das que aprender nesta organización. É por elas, e por todas as persoas que nos están a empurrar, que estou a levar adiante este reto de representar a Galiza en Madrid, porque as mulleres facemos o que se nos poña por diante. Demostrámolo o 8M e demostrarémolo o 28A, que votaremos feminista e votaremos polo BNG", subliñou.