O BNG pide establecer tarifas máximas da luz e rebaixar temporalmente impostos

Pontevedra
28 de marzo 2022

O deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Luís Bará, compareceu este luns en rolda de prensa para informar sobre as propostas da formación nacionalista fronte ao "incremento desmesurado dos prezos" que está provocando un "impacto brutal" cun empobrecemento das clases populares

Comparecencia de Luis Bará na sede comarcal do BNG PontevedraViva

O deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Luís Bará, compareceu este luns en rolda de prensa para informar sobre as propostas da formación nacionalista fronte ao "incremento desmesurado dos prezos" que está provocando un "impacto brutal" cun empobrecemento das clases populares. 

O Bloque reivindica a adopción de "respostas contundentes" para dar solución a este problema. Son propostas que a organización nacionalista xa trasladou ao Goberno do Estado, a destacar a intervención pública no sector eléctrico ou a baixada temporal dos impostos nos carburantes. 

Luis Bará censurou a "parálise" do Executivo central que preside Pedro Sánchez fronte a esta situación, e tamén á Xunta "cun goberno interino no que o seu principal representante, o señor Feijóo anda de viaxe por toda España de campaña electoral".

Así mesmo, chaman a participar na mobilización convocada polo BNG para o vindeiro domingo, 3 de abril, en Santiago de Compostela, con saída da Porta do Camiño, para que tanto o goberno galego como o do Estado actúen de forma inmediata e áxil para paliar a crise.

Luis Bará explicou a proposta do BNG para unha intervención pública do mercado eléctrico e nos beneficios "chovidos do ceo" das eléctricas para controlar os prezos e a garantía do acceso á enerxía como un ben básico. Defenden desvincular o mecanismo de fixación dos prezos do gas nos mercados internacionais e mudar o sistema de pool e estabelecer prezos máximos.

Tamén reclaman unha tarifa eléctrica galega para beneficiar a condición de produtor escedentario da enerxía eléctrica, así como quitar da factura todos aqueles cargos e peaxes que non teñen que ver coa xeración e distribución da electricidade e, no medio prazo, unha regulación do sector eléctrico modificando os criterios do mercado marxinalista.

No ámbito dos combustibles reivindican unha baixada temporal dos impostos dos hidrocarburos- máis da metade do custo- até que se estabilicen os prezos. Baixar o IVE a superreducido dos produtos esenciais, alimentación ou servizos básicos porque entenden que a electricidade ou o gas son produtos esenciais.

Paralelamente, o BNG defende unha reforma fiscal para garantir "que pague máis quen máis ten" a través do imposto de patrimonio, imposto para as grandes fortunas, etc.