O BNG pecha a súa campaña coa confianza en "Pontonizar" Galicia

Pontevedra
10 de xullo 2020

O cabeza de lista dos nacionalistas en Pontevedra, Luís Bará, fixo balance dunha campaña electoral na que o BNG recupera a confianza de antigos votantes e xente nova

Luis Bará pecha a campaña electoral do BNG cun vermú en Pontevedra PontevedraViva

A candidatura do BNG pola provincia de Pontevedra, que encabeza Luís Bará, pechou este venres a súa campaña electoral cun vermú no Cafetín, na Alameda de Pontevedra, no que o cabeza de lista aproveitou para facer balance."Foi unha campaña longa e con presenza en todos os territorios e na que as redes sociais marcaron as diferenzas", declarou ao comezo do acto.

O nacionalista quixo destacar e agradecer o apoio e posicionamento a favor da candidatura do Bloque de persoas de todas as idades e ámbitos da sociedade, facendo mención especial ao sector da cultura que apoiou con obras e expresións variadas o proxecto que encabeza Ana Pontón

"Hai xente nova que vota por primeira vez e antigos votantes que volven votarnos", sostén Bará apelando á centralización do voto "do cambio e do inconformismo" no BNG como único camiño para derrotar "á dereita e ao centralismo".

Á líder da formación, Ana Pontón, dedicou Bará os seus máis sinceros eloxios. "É un liderado amábel, o que Galicia necesita nesta época", asegurou. E nese sentido acuñou o termo "Pontonizar" Galicia, que consiste en "seducir, engaiolar e comunicar con magnetismo".

Rematou o seu discurso o portavoz nacionalista na provincia apelando á mobilización do voto. En Pontevedra están en xogo 22 escanos e"uns poucos centos de votos poden ser determinantes tanto na provincia como en Galicia", rematou.