O BNG negociará co PSOE un goberno en coalición

Pontevedra
06 de xuño 2019

Así o explicou o propio Fernández Lores tras a asemblea que o BNG celebrou onte á noite cos seus afiliados. Iso si, o líder nacionalista pon condicións. Haberá bipartito " sempre e cando" esta fórmula de goberno sexa "mellor para os cidadáns". No caso contrario, garantiu, "gobernaremos en solitario"

Tino Fernández e Miguel Anxo Fernández Lores Mónica Patxot

Pontevedra encamíñase cara un novo goberno en coalición, o cuarto dos seis mandatos de Miguel Anxo Fernández Lores como alcalde. O BNG acordou iniciar os contactos co PSOE de Tino Fernández para tratar de chegar a un acordo que lles permita gobernar xuntos durante o próximos catro anos.

Así o explicou o propio Fernández Lores tras a asemblea que o BNG celebrou onte á noite cos seus afiliados. Iso si, o líder nacionalista pon condicións. Haberá bipartito " sempre e cando" esta fórmula de goberno sexa "mellor para os cidadáns". No caso contrario, garantiu, "gobernaremos en solitario".

Ata agora os contactos entre BNG e PSOE foron "mínimos", explicou o alcalde. Desde este momento estas conversacións entre ambos os partidos serán "máis concretas" aínda que sen un calendario decidido. En todo caso, asegura que "non son partidario" de que estas negociacións se prolonguen "eternamente".

"Temos uns anos de voo todos, xa fixemos gobernos de coalición e non temos que estar quince días a debater para chegar á conclusión de que si ou que non", engadiu.

A este respecto, o alcalde asegurou que "se pode ser" gustaríalle que as negociacións co PSOE terminasen "antes do día quince", data fixada para o pleno de investidura.

Para estes contactos co PSOE, Lores entende que ambos os partidos deben "ceder en parte" nas súas respectivas formulacións, pero sen que iso supoña "variar de liña". Pontevedra, segundo o alcalde, é unha cidade que avanza e que é un "referente" en deseño urbano e aceptará cambiar "cuestións puntuais" sempre que "non me fagan modificar iso".

O rexedor pontevedrés lembrou que á fronte do modelo urbano de Pontevedra está un equipo "moi potente e con moita experiencia" e defendeu que hai unha "altísima" porcentaxe de cidadáns que votan ao BNG " non por min" senón porque "perciben un cambio" na cidade e porque "facemos unha xestión que á xente lle gusta".