O BNG leva ao Congreso a adopción de medidas urxentes na N-541

Cerdedo-Cotobade
17 de xaneiro 2023

O BNG vai levar ao Congreso iniciativas para que "de forma urxente", o goberno acometa unha mellora integral da estrada N-541, "porque os accidentes que se produciron nas últimas semanas nesta estrada, con resultados fatais, non se poden volver producir", afirmou o deputado nacionalista Nestor Rego

O deputado nacionalista Nestor Rego compareceu acompañado por outros membros do BNG BNG

O BNG vai levar ao Congreso iniciativas para que "de forma urxente", o goberno acometa unha mellora integral da estrada N-541, "porque os accidentes que se produciron nas últimas semanas nesta estrada, con resultados fatais, non se poden volver producir", afirmou o deputado nacionalista Nestor Rego.

Nunha comparecencia no punto onde tivo lugar o accidente de autobús do pasado 24 de decembro, Nestor Rego fixo este anuncio acompañado, entre outros membros do BNG, polos portavoces municipais en Cerdedo-Cotobade e Forcarei, Ernesto Filgueira e Roberto Jorge.

Rego lembrou que o BNG xa ten presentado no Congreso iniciativas para mellorar a seguranza viaria na estrada N-541 e o Bloque presentou emendas ao orzamentos do Estado, tanto en 2021 como en 2022 solicitando unha partida de máis de 10 millóns de euros para unha actuación integral en toda a estrada, que correxise os peraltados deficientes, paliase as retencións de auga, mellorase a capa de rodadura, o pintado, a sinalización vertical, e a iluminación nas zonas máis conflitivas. 

"Inexplicabelmente, o goberno do Estado non apoiou a emenda nin adoptou ningunha medida de mellora dunha estrada con múltiples deficiencias", sentenciou o deputado nacionalista.

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG en Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, salientou que a mellora da N-541 "foi unha constante na acción política municipal do BNG, instando ao goberno municipal a que esixise do goberno do Estado melloras de seguranza, tanto para os desprazamentos a motor como para os desprazamentos peonís". 

Filgueria cre que "é un tema de extrema gravidade, e os tráxicos acontecementos recentes viñeron poñer o foco de feito dramático sobre unha estrada na que levamos anos demandando unha mellora integral". 

Por último, engadiu que "desde o BNG seguiremos insistindo na súa mellora e agardamos que, esta vez si, o ministerio poña enriba da mesa solucións aos problemas da N-541, e que as vítimas mortais producidas nesta estrada nas últimas semanas sexan as últimas que teñamos que chorar".