O BNG escoita ao persoal sanitario de Pontevedra e propón un plan de choque para a situación "dramática" da sanidade

Pontevedra
13 de xaneiro 2024

O parlamentario do BNG Luís Bará mantivo un encontro con persoal médico, de enfermería e técnico de Atención Primaria e Hospitalaria e destacou que o sistema sanitario galego "está ao límite", como demostra o colapso nas urxencias polo pico da gripe e outras enfermidades respiratorias

Reunión de Luís Bará con persoal sanitario de Pontevedra BNG Pontevedra

O parlamentario do BNG Luís Bará reuniuse en Pontevedra con profesionais da sanidade para falar da situación "crítica" actual e propuxo a implantación dun plan de choque de 200 millóns de euros e medidas estruturais a medio prazo para reforzar a Atención Primaria, "o corazón do sistema sanitario", e a Atención Hospitalaria.

Bará mantivo un encontro con persoal médico, de enfermería e técnico de Atención Primaria e Hospitalaria e destacou que o sistema sanitario galego "está ao límite", como demostra o colapso nas urxencias polo pico da gripe e outras enfermidades respiratorias.

A situación, para Bará, "non é puntual nin conxuntural", senón resultado de "15 anos de políticas premeditadas e planificadas de deterioro e desmantelamento" do sistema sanitario público galego por parte da Xunta do PP.

Para dar resposta "a esta situación dramática", puxo sobre a mesa diferentes propostas do BNG.

Nun primeiro plano, o nacionalista falou da Atención Primaria, sinalando que, en caso de chegar ao goberno en Galicia, o BNG porá en marcha ese plan de choque e un plan de medidas estruturais a medio prazo, co obxectivo de que o 25% do investimento sanitario sexa para Atención Primaria, de acordo coas recomendacións da OMS (actualmente está por debaixo do 12%).

O BNG considera "imprescindible" tamén o incremento do persoal sanitario nos centros de saúde e PACs, e a mellora das súas condicións laborais e salariais; o aumento das prazas de formación, nomeadamente no que se refire a pediatría e medicina de familia; a evolución do modelo de Atención Primaria cara un modelo integral dotando prazas de psicoloxía clínica, fisioterapia, logopedia, nutrición, podoloxía ou óptica; e a recuperación das xerencias de Atención Primaria nas áreas sanitarias, entre outras medidas.

Para a Atención Hospitalaria, Bará propuxo un plan de actuación urxente para reducir as listaxes de agarda e dotar o sistema de máxima transparencia; aumentar a dotación de HADO, especialmente en zonas rurais; reverter as privatizacións de servizos sanitarios; poñer en marcha un plan de atención integral á saúde das mulleres e tamén un plan galego de saúde mental e un plan de prevención do suicidio.

Bará subliñou que o investimento en sanidade reduciuse en 2.193.000 millóns de euros desde 2009 e destacou que, en concreto, o investimento en Atención Primaria en Galiza é do 11,79% fronte ao 14,17% da media estatal, sendo o gasto sanitario xeral por habitante en Galicia inferior á media estatal.

Cos datos de 2022 na man, explicou Bará, Galicia é a cuarta comunidade do Estado onde menos se inviste en sanidade por habitante. "O gasto fica en 1.691 euros ao ano por persoa, o que supón 37 euros por baixo da media estatal (1.728 euros por residente)", segundo os últimos datos do organismo Airef.

Arquivado en