O BNG denuncia as "promesas incumplidas" da Xunta de Galicia co barrio de A Parda

Pontevedra
26 de setembro 2012

Entre os incumprimentos, os nacionalistas destacan o novo edificio do Carlos Oroza ou o Centro lúdico e deportivo de A Parda

Luis Bará nos terreos cedidos polo Concello á Xunta para o novo Carlos Oroza

"Neste predio, a Xunta tiña que estar construíndo a Escola de Hostelaría da cidade e este terreo ermo é un símbolo do abandono do PP a Pontevedra". Así de rotundo foi o candidato número catro do BNG por Pontevedra, Luis Bará, na súa visita ao barrio de A Parda para compartir cos veciños puntos de vista sobre as elecións do 21-O.

A visita botou a andar pola parcela cedida polo Concello para construir o centro de ensino profesional e decorreu polo barrio dos Salgueiriños, recén rehabilitado polo Concello e polo colexio Sagrado Corazón, para rematar cunha xuntanza cos veciños no Conservatorio da capital.

A Escola de Hostelaría Carlos Oroza, "que agora ocupa unhas instalacións impropias nun edificio da Deputación bastante afastado da capital e con graves deficiencias para a impartición desas especialidades, foi unha reiterada demanda pontevedresa que a Xunta aceptou facer nun primeiro intre", explicou o candidato nacionalista. "Pasado o tempo, veuse converter nunha nova promesa incumprida polo PP, víctima dos recortes e dos frenos que pon á economía real, porque unha escola de hostelaría é moito máis ca un centro de ensino convencional... tamén é un foco de actividade económica e unha ferramenta imprescindíbel para unha comarca tan vencellada ao turismo como as Rías Baixas".

Ao estaren no leste da cidade, Luis Bará tamén lembrou outros dous exemplos do "abandono" do PP: o centro deportivo da Parda, "abandonado sen que a Secretaría Xeral de Deportes movese un só dedo desde a quebra da empresa que deixou as obras a medias", ou a reforma integral da maioría das vías do barrio que deixara decidida a anterior consellería de Vivenda.

"Son tres novas mostras, con nomes e apelidos da inversión cero do PP en Pontevedra... de qué lle serve a esta cidade ter veciños tan ben situados nas cúpulas española e galega do PP? Pois de nada, porque non só non trouxeron novas obras ou ideas, senón que paralizaron as que había programadas", denunciou Bará, que asegurou que o BNG sí que cumpriu os seus compromisos co barrio, entre os que destacou a reforma integral dos Salgueiriños, a escola infantil da Parda, o centro sociocultural que abrirá nos próximos meses e as novas conexións do barrio co centro urbano.

Arquivado en