O BNG demanda á Xunta a "rehabilitación integral" do Pazo de Lourizán e un plan de usos "ambicioso"

Pontevedra
11 de febreiro 2022

O deputado nacionalista Luís Bará censura que a Xunta "desaproveite e abandone un gran espazo científico, ambiental e turístico"

Pazo de Lourizán Juan Mejuto

O deputado nacionalista Luís Bará demandará explicacións e actuacións á Xunta pola sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que condena á administración autonómica a cumprir o convenio asinado coa Deputación no ano 2000 e polo tanto a realizar as obras necesarias de conservación e mantemento do Pazo de Lourizán. 

Bará afirmou que desde o BNG "lamentamos a actitude do goberno galego, que levou ao abandono e deterioro dun ben de alto interese cultural e ambiental". 

Os nacionalistas critican ao goberno galego porque "en lugar de velar pola boa imaxe e promoción do edificio, deu moi mal exemplo permitindo o seu deterioro, abandono e mesmo risco para a seguridade e estabilidade da construción".

Segundo afirma Luís Bará, "neste caso, como é habitual, a Xunta fixo prevalecer a confrontación á cooperación e a Deputación tivo que acudir á via xudicial para obrigar ao goberno galego a cumprir coas súas responsabilidades".

En relación coas actuacións que está a levar a cabo a Xunta no inmoble, Bará calificounas de "cutres" e "raquíticas", por ser, dixo "propias dun goberno que actúa por sectarismo e sen ambición". 

O deputado nacionalista lembrou que no ano 2017 o Servizo de Arquitectura da Deputación realizou un informe sobre o estado do inmoble no que se alertaba sobre o risco de desplome da cuberta, o estado precario da galería, mal estado das carpintarías, humidades ou invasión de vexetación.

Ademais, alertaba do riscos importantes na seguridade eléctrica con perigo de curtocircuítos.

O informe tamén facía unha proposta de actuacións urxentes de conservación e incluía unha estimación económica das obras de rehabilitación e conservación que valoraba daquela en 14 millóns de euros.

Diante desta situación, o BNG levará este asunto ao Parlamento "para que a Xunta dea explicacións en relación con este varapau xudicial e para que se poña as pilas, impulsando en coordinación coa Deputación un proxecto ambicioso para facer das 52 hectáreas do Pazo de Lourizán un grande espazo de investigación científica, cultural, turístico e de divulgación ambiental arredor do monte e do bosque autóctono".

Para o Bloque esta "nova etapa" debe pasar por un acordo entre Xunta e Deputación para a cesión da finca e o edificio á administración galega e o desenvolvemento dunha "proposta ambiciosa" sobre os usos futuros do Pazo de Lourizán, que segundo o BNG deberían estar centrados no ámbito da investigación, a educación e a divulgación ambiental arredor dos bosques, con especial atención aos bosques sustentables e á multifuncionalidade do monte.

Segundo o BNG, estamos nunha conxuntura "na que se podería optar aos fondos europeos de recuperación e resiliencia para impulsar un proxecto aliñado cos obxectivos da transición ecolóxica, da economía circular e da resiliencia dos ecosistemas fronte á ameaza do cambio climático".