O portavoz do BNG de Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, expresa a súa "conmoción" pola crispación social orixinada nas últimas semanas como consecuencia do enfrontamento entre PP e PSOE pola subvención da Xunta para financiar o proxecto termal dos Baños de San Xusto.
O nacionalista entende que o control do goberno local é preciso e que a discrepancia construtiva reactiva a vida política municipal, pero entende que é prioritario que haxa unha boa comunicación entre goberno e oposición. Por iso, solicitará na próxima xunta de portavoces unha maior concreción e información acerca dos proxectos estruturais que teña pensado poñer en marcha o executivo que encabeza Jorge Cubela.
A intención do lider nacionalista é mediar entre o rexedor popular e a socialista Lina Garrido para reducir a tensión persoal existente entre ambos e proponse alcanzar un "Pacto polos Baños de San Xusto" no que toda a corporación "empurre por un proxecto que serva para beneficiar a economía local".
Remarcan desde o BNG que se trata dunha iniciativa que debe estar apartada da crispación política pola importancia estratéxica e o vañor engadido para o municipio.