O BNG defende a sanidade pública cunha concentración no centro de salud de Anafáns

Poio
21 de marzo 2022

A protesta está prevista para o día 24 ás 20 horas ás portas do centro sanitario e os nacionalistas piden a toda a cidadanía, colectivos sociais e representantes políticos a participar para acabar coa atención precaria

O BNG de Poio convoca unha concentración en defensa da sanidade pública no centro de saúde de Anafáns BNG de Poio

O BNG fai un chamamento á veciñanza, aos colectivos sociais e ás forzas políticas de Poio a unirse á concentración en defensa da sanidade pública de Poio, que terá lugar o vindeiro xoves, 24 de marzo ás 20 horas no Centro de Saúde de Anafáns.

A responsábel local do BNG, Marga Caldas, animou á veciñanza a “transformar o enfado e a crispación en acción, e sair a protestar”. Caldas lembrou que a semana pasada Poio vivíu unha situación límite, con “catro facultativos de baixa, o centro de saúde de Raxó sen médico e sen atención médica polas tardes en Anafáns”.

Isto, xunto coas listas de agarda interminábeis fan que numerosos veciños e veciñas se vexan na obriga de acudir ao PAC da Parda ou a Urxencias de Montecelo.

Diante desta situación, o BNG que leva recollido xa 1000 sinaturas en defensa da sanidade pública, tomou a decisión de dar un paso máis e convocar esta mobilización para este xoves, día 24 ás 20 horas no Centro de Saúde de Anafáns. Marga Caldas lembrou que se habilitará o aparcamento disuasorio do adro de San Salvador e se sinalizará o do Camiño ás Bocas, que está a catro minutos andando do centro de saúde.

Pola súa parte, Begoña Mallo de CIG, lembrou que os traballadores e traballadoras da sanidade son sufridoras por partida dobre do deterioro que se está a dar na sanidade pública desde que Feijóo chegou ao goberno da Xunta: como usuarias e como traballadoras. Pola súa banda, Antón Briones, da plataforma SOS Sanidade Pública fixo fincapé en que “nos estamos xogando o futuro da nosa sanidade. Temos que recuperar todo o que tiñamos e melloralo no posíbel” e animou á cidadanía a reivindicar os seus dereitos a unha atención sanitaria presencial e digna.