O BNG de Ponte Caldelas pide un "proxecto ambicioso" para recuperar o río Verdugo tras o desmantelamento de Ponte Inferno

Ponte Caldelas
07 de outubro 2022

Con motivo do desmantelamento da presa de Ponte Inferno, no río Verdugo, o BNG de Ponte Caldelas solicita que o goberno local aproveite a situación para "presentar un ambicioso proxecto que inclúa a posta en funcionamento dunha senda que comunique a parte afectada co Camiño Sarmiento e os muíños de Taboadelo"  

Presa de Ponte Inferno Ríos con vida

Con motivo do desmantelamento da presa de Ponte Inferno, no río Verdugo, o BNG de Ponte Caldelas solicita que o goberno local aproveite a situación para "presentar un ambicioso proxecto que inclúa a posta en funcionamento dunha senda que comunique a parte afectada co Camiño Sarmiento e os muíños de Taboadelo".

Isto débese a que, nestes momentos, a empresa concesionaria está a redactar o proxecto de recuperación ambiental dese espazo e, por vez primeira en Galicia, ten a obriga de negociar cos concellos e coa veciñanza.

A concesión da presa do Inferno rematou no ano 2017, pero non foi ata finais de xuño deste 2022 cando Augas de Galicia notificou a caducidade desta concesión ordenando a demolición, algo que permitirá a recuperación do río. 

"Esta é unha magnífica ocasión para recuperar en todo o seu esplendor o noso medio natural e poñelo en valor. Ponte Caldelas non o pode deixar pasar e o goberno municipal debe presentar unha proposta ambiciosa que nos permita converter este espazo natural nun lugar de referencia para todos os veciños e veciñas", afirmou Sol Seoane, portavoz do grupo nacionalista.

Anima, neste sentido, a "poñerse a traballar para que a zona sexa un atractivo" e aproveitar este medio natural. "Conservémolo en boas condicións e deámoslle valor. Gañaremos todos e todas. Gañará Ponte Caldelas", concluíu Seoane.