O BNG de Meis alerta de problemas de inundacións nunha estrada recentemente reformada

O Salnés
17 de outubro 2022
Actualizado: 19:41

As choivas da semana pasada xa xeraron un enorme charco na vía que conecta as localidades de San Salvador e Arousa, na que o sumidoiro quedou cegado tras as obras

Inundacións nunha estrada de Guimeráns, na parroquia de San Martiño de Meis
Inundacións nunha estrada de Guimeráns, na parroquia de San Martiño de Meis BNG de Meis

O BNG de Meis denuncia que estrada que conecta as localidades de San Salvador e Arosa, no municipio de Meis, presenta problemas de asolagamentos que poñen en risco a seguridade viaria. Trátase dunha vía na que o pavimento foi mellorado recentemente, polo que desde grupo nacionalista aseguran xa presentaron unha petición para que o Concello arranxe canto antes este problema. 

A alcaldesa, Marta Giráldez, nega que esta denuncia chegase a ela antes da súa publicación en medios de comunicación e quere aclarar que esta obra non a realizou o actual Goberno local, senón que xa procede do anterior Executivo, do PP. No mandato actual non se actuou nesta zona, senón que se centraron noutros puntos do municipio.

Desde o BNG alegan que "todos os veciños coinciden en que o técnico foi avisado, en máis dunha ocasión, que no lugar da pavimentación pasaba un desaugadoiro que levaba a auga por debaixo da vía até os campos situados debaixo" e remarcan que "nunha desas ocasións os veciños comentáronlle ao técnico, en presencia da alcaldesa, que non se podía cegar o desaugadoiro porque a estrada ía ficar inundada". A alcaldesa nega isto. 

Denuncian desde a formación nacionalista que estes avisos non se tiveron en conta e alertan que "a zona sempre tivo problemas no inverno e van agravarse moitísimo máis, despois da actuación realizada, en canto cheguen as choivas". De feito, a pasada semana despois duns días de choiva xa se formou un "tremendo charco" que dificultaba o tránsito de peóns e vehículos. 

Por iso desde o BNG piden "que se solucione o problema de inundacións no lugar de Guimeráns, na parroquia de San Martiño, no prazo máis breve posíbel". Esixen desde a oposición que "se abra de xeito inmediato unha investigación para poder aclarar de quen é a responsabilidade de semellante desfeita e que a investigación sexa levada o coñecemento do pleno de Meis para solicitar responsabilidades polo dano ocasionado".