O BNG de Marín quere conservar o "cemiterio de chalanas" coma "un museo ao aire libre"

Marín
15 de maio 2024

O Concello de Marín iniciou os trámites para transformar a dársena do coñecido como "cemiterio de chalanas" nunha piscina ao aire libre. Neste proceso o concelleiro do Bloque Nacionalista Galego, Tino Iglesias, ven de presentar unha alegación formal a este proxecto

Espazo coñecido como o "cemiterio de chalanas" Google Street View

O Concello de Marín iniciou os trámites para transformar a dársena do coñecido como "cemiterio de chalanas" nunha piscina ao aire libre. Neste proceso o concelleiro do Bloque Nacionalista Galego, Tino Iglesias, ven de presentar unha alegación formal a este proxecto destacando "varias anomalías administrativas e de planificación" propostas polo goberno local da alcaldesa por María Ramallo.

A discrepancia nas datas e na orde das solicitudes de autorización para a execución das obras e a concesión demanial, onde se propón un período de dominio público portuario de 50 anos, suscitou preocupacións sobre un posible defecto administrativo que podería afectar a validez do proxecto. "As solicitudes deberían ser presentadas de forma conxunta para evitar discrecións que comprometan a transparencia do proceso", afirmou Iglesias.

Alén diso, o BNG criticou o mantemento previo da dársena, onde a pesar de investimentos significativos en 2011, as estruturas requiriron reparacións unha década despois. A formación nacionalista demanda que a Autoridade Portuaria asuma a responsabilidade de deixar a dársena en perfecto estado antes de calquera traspaso ao concello, incluíndo a limpeza e reparación dos paramentos de pedra e os fondos da dársena.

A proposta actual do goberno para instalar un pantalán flotante destinado a embarcacións deportivas foi tamén motivo de controversia. Segundo o BNG, o proxecto non reflicte adecuadamente o uso cultural e histórico que podería beneficiar máis á veciñanza. "Propoñemos que este espazo sexa transformado nun museo ao aire libre de embarcacións tradicionais, ofrecendo unha visión educativa e turística que celebre a rica historia marítima de Marín", explicou Iglesias.

Adicionalmente, o BNG tamén realizou consultas á Secretaría Xeral de Portos do Estado para esclarecer a viabilidade de adaptar o uso da dársena e a lámina de auga do Paseo Alcalde Blanco para actividades de baño, "dado que a regulación actual prohibe tales prácticas nas instalacións portuarias"; así como a solicitude de aclaración específica do apartado de usos náuticos-deportivos permitidos polo regulamento portuario.

Tino Iglesias concluíu instando ao goberno municipal a considerar un enfoque "máis integrador e respectuoso co patrimonio cultural". "É crucial que protexamos e conservemos os espazos que forman parte da memoria do noso pobo, en vez de convertelos en simples instalacións recreativas que non resoan coa identidade de Marín", manifestou.