O BNG de Cerdedo-Cotobade urxe a Cubela a cesión de terreos á Deputación para arranxar a estrada de Almofrei

Cerdedo-Cotobade
23 de marzo 2022

O portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira, lamenta que "cando máis tempo se demore en entregar os terreos, máis se dilatará a solución a unha demanda histórica da veciñanza, vital para vertebrar o territorio e mellorar a  seguridade das persoas”

O portavoz do BNG en Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, urxe a reforma da estrada de Almofrei BNG de Cerdedo-Cotobade

O portavoz municipal do BNG en Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, instou ao alcalde Jorge Cubela a que poña a disposición da Deputación os terreos necesarios para a reforma integral da estrada EP-0405 en Almofrei.

O nacionalista lembrou que en novembro de 2019 o pleno do Concello aprobou -coa abstención do PP- unha moción do BNG na que se instaba á Deputación de Pontevedra a acometer unha reforma integral da estrada dende o inicio, á altura da PO-233 até o seu final na igrexa parroquial, seguindo os criterios de mobilidade e seguranza viaria recollidos no Plan de Mobilidade Provincial, prestando especial atención á redución de curva, calmado de tráfico e seguranza viaria para peóns e ciclistas.

En xuño de 2021, a Deputación redactou un proxecto de preto dun millón de euros que daría solución aos problemas existentes nesa estrada, tal e como recoñeceu o propio alcalde, e para o que era necesario que o Concello puxese á disposición os terreos necesarios para executar a obra.

A marzo de 2022, os terreos aínda non foron postos a disposición, polo que urximos ao alcalde a que os faga no menor prazo de tempo posíbel, porque canto máis se tarde máis se dilatará a reforma desta estrada, unha demanda histórica da veciñanza, absolutamente vital para a mellora da seguridade vial, para a vertebración do territorio e para a posta en valor das pozas do río Almofrei, un espazo de grande valor histórico e natural”, rematou Filgueira.