O BNG considera "insuficiente" a actuación do Concello de Marín na defensa da Escola Nosa Señora do Carme

Marín
05 de agosto 2021

A portavoz do BNG de Marín, Lucía Santos vén de solicitar á alcaldesa María Ramallo unha maior implicación do Concello coa Escola de educación infantil "Nosa Señora do Carme" e a convocatoria, por vía de urxencia, do Consello Escolar Municipal para tratar a decisión da Consellaría de Educación de pechar unha aula neste centro, así como a supresión de tres postos de profesorado

O conselleiro Román Rodríguez xunto á alcaldesa de Marín, María Ramallo Concello de Marín

A portavoz do BNG de Marín, Lucía Santos vén de solicitar á alcaldesa María Ramallo unha maior implicación do Concello coa Escola de educación infantil "Nosa Señora do Carme" e a convocatoria, por vía de urxencia, do Consello Escolar Municipal para tratar a decisión da Consellaría de Educación de pechar unha aula neste centro, así como a supresión de tres postos de profesorado.

En opinión de Lucía Santos, "os recortes que teñen previsto aplicar dende a Xunta e que afectan a un centro escolar do noso municipio dun xeito moi grave, como é o caso da escola Nosa Señora do Carme, debería ser tratado neste órgano de cara a apoiar as reivindicacións das familias afectadas neste centro".

No pasado Pleno Municipal do mes de xullo, a ANPA do centro trasladou unha moción que resultou aprobada por unanimidade, na que se solicitaba o apoio da Corporación Municipal ao mantemento das aulas para cada curso de educación infantil cunha titora por aula e mantendo ao mesmo profesorado.

Lucía Santos considera que "as xestións levadas a cabo desde o Concello neste mes transcorrido desde a aprobación da moción son insuficientes". 

Afirma a nacionalista que "o posicionamento do PP ficou no voto favorable á moción, un voto de cara á galería, para non quedar mal coa comunidade educativa do centro", e afirma que "desde entón as únicas actuacións levadas a cabo dende o goberno municipal foron instar ao director xeral de centros e ao xefe territorial para manter unha xuntanza coa ANPA do centro pero sen facer a mais mínima presión para esixir a rectificación destas medidas por parte da Xunta".