O BNG asegura que o goberno da Deputación "borraría se puidese" algunhas das súas "primeiras e desafortunadas" decisións

Pontevedra
05 de xaneiro 2024

O portavoz do BNG afirma que o goberno de Luís López fixo propostas no inicio do mandato "con mala información e sangue no ollo" e agora está a intentar reconducilas tras ver erros e que non se poden dar axudas a dedo 

César Mosquera, portavoz do BNG na Deputación PontevedraViva

O grupo do BNG teno claro, cando se cumpren seis meses da toma de posesión do novo Goberno provincial na Deputación de Pontevedra, os nacionalistas están convencidos de que "despois de meses de parálises e decisións moi desafortunadas", o equipo do presidente Luís López está a tentar "reconducir a situación" e, se puidesen, "borrarían gran parte" dos anuncios iniciais sobre Santa Clara, os plans Revitaliza e Ágora, o Museo ou as novas subvencións aos concellos da provincia.

No seu balance de mandato, o portavoz do BNG na Deputación, César Mosquera sinalou este venres, que o novo goberno tomou unha serie de decisións "a cada cal máis desafortunada".

Segundo enumerou Mosquera entre esas decisións está o "cargarse" o Plan Revitaliza de compostaxe e o Ágora de mobilidade, paralizar a rehabilitación dos edificios centrais do Museo e Santa Clara "querendo anular o concurso e sacar o proxecto a Nieto Sobejano", tamén "deixar o Museo sen Dirección", encargar un Plan de Infraestruturas Deportivas "feito a medida dalgúns concellos", ou "retomar o Plan de Acción Caciquil que desaparecera no 2014".

O nacionalista asegurou que "a realidade" é que despois dalgúns meses o goberno tivo que "aterrar na crúa realidade" e empezou a "recompoñer" toda esta serie de decisións. 

"Estou absolutamente convencido de que se puidesen borrar ese momento, volver a xullo e non facer nada, estarse quietos... creo que o farían", manifestou Mosquera.

O portavoz do BNG afirma que o goberno de Luís López fixo propostas no inicio do mandato "con mala información e sangue no ollo" e agora está a tentar reconducilas "tras ver erros e que non se poden dar axudas a dedo".

Mosquera destacou que a "corrección dos erros" comezou con Santa Clara, xa que se pasou do anuncio da anulación do concurso para negociar o cambio do proxecto co estudo gañador "porque se non os problemas para a Deputación ían ser enormes".

En calquera caso, o nacionalista referiuse ás declaracións do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e advertiu que "probablemente iso que chamaba vandalizar os xardíns (construír as instalacións de arqueoloxía en soto) vai ter que facelo igual", apuntando que volver atrás actos administrativos firmes como a resolución do xurado e as bases dun concurso "ten consecuencias". 

"Esa é unha modificación substancial do proxecto que está en discusión dentro da Deputación se se pode facer ou non", insistiu.

Por outra banda, Mosquera tamén sinalou que o novo goberno "repescou" o Plan Ágora despois de anulalo, introducindo dentro das bases do Plan + Provincia unha cuarta liña de proxectos para a creación de espazo público para as persoas que "trata de tapar aquela decisión fondamente errónea... Polo menos hai un intento de rectificación", subliñou.

Tamén destacou que o novo goberno tivo que "recuar" con respecto á idea inicial do Plan de Infraestruturas Deportivas, "que desde o PP pretendían outorgar a dedo". Non puideron facelo, sinalou Mosquera, porque desde o servizo de Intervención advertiuse de que ou ben ían por concorrencia competitiva, con criterios claros e xurado e tribunal que valorase, ou ben "café para todos". "Optaron por café para todos, co que teñen enfadados a alcaldes e alcaldesas deles aos que prometeran cousas e agora resulta que non poden ser".

"Dixeran mesmo publicamente que obras de 700.000 euros entrarían perfectamente nese plan, cando é imposible", dixo, porque os concellos van levar entre 20.000 e preto de 70.000 euros de máximo.

Segundo explicou, tamén no Plan de Augas para asociacións tiveron que modificar as bases. "A idea que tiñan era a de atrás, que con que se agrupasen tres do PP e asinasen que ían facer unha obra, pedían os cartos, non lle pedían permiso a ninguén, nin se comprobaba que fixeran a obra... en fin, o Plan de Acción Caciquil, non puido ser".

Agora esíxese que a asociación estea legalmente constituída, que se presenten os permisos sectoriais e que os terreos de actuación sexan de titularidade demostrada. "Iso de coller e pedir diñeiro para arranxar unha pista ou poñer un punto de luz municipal acabouse" explicou Mosquera que adiantou que "só poden ter entre 6.000 e 10.000 euros máximo. Non ten nada que ver co que prometeron. É un desastre igual, pero xa reconduciron a idea inicial".

"Non podían facer o Plan de Acción Caciquil e sacaron unhas bases, pero son un disparate e van enfadar a todo o mundo e non van resolver nada", insistiu.

O MUSEO, "IRRECONDUCIBLE"

O Museo, segundo Mosquera, "é absolutamente irreconducible" porque nestes momentos a xestión está paralizada. O portavoz do BNG destacou que Rafael Domínguez "entrou hiperactivo, anunciou moitas medidas, (....) como elefante en cacharrería" e foi "o que máis meteduras de pata causou para o goberno". 

"Debeu pensar que era igual de simple sacar as cousas adiante que discorrer maldades, e non o é, non é igual de simple", afirmou. 

Segundo Mosquera os edificios centrais tiñan que estar en obras nestes momentos "e non se sabe que pasa con eles", ademais o Museo "segue sen dirección real" porque "Ángeles Tilve segue sendo responsable de coleccións e só recibe vía produtividade un plus por facer a tarefa de dirección".

Tampouco se sabe nada do acordo co bispado para a compra da nova entrada, nin se coñece o futuro do proxecto de Santa Clara nin hai novidades sobre as obras urxentes para as humidades, así como tampouco se sabe nada sobre a renovación do Consello Asesor do Museo, que debía estar pechada a finais de 2023 ou antes, tras a dimisión do anterior.

En canto ao Revitaliza, Mosquera destacou que a Deputación se está subordinando a Sogama en lugar de manter un programa propio de axuda aos concellos. Subliñou que o BNG afrontou as necesidades municipais desde outra perspectiva, para que os concellos cumpran a nova normativa de residuos e eviten as sancións, xa que son os responsables últimos da recollida e tratamento de lixo cumprindo obxectivos legais de reciclaxe. "Sogama non ten esa lóxica, e paréceme profundamente desafortunado facer desaparecer esa idea de axuda aos concellos. É un erro profundo", finalizou.