Hai apenas tres días, o pasado venres, Rafa Domínguez destacaba nun almorzo informativo que "agora mesmo" o BNG está en situación de ter "certa influencia" sobre o goberno de Pedro Sánchez e aseguraba que o alcalde terá "forza suficiente" para esixir que se cumpran os compromisos pendentes con Pontevedra.
Esas palabras, que tanto balbordo provocaron en ambientes políticos, foron recuperadas este luns por Anabel Gulías que, en nome do grupo municipal do BNG, expresou "o máis profundo agradecemento" ao líder popular por recoñecer "claramente" que un deputado do BNG en Madrid "vale máis" que os dez que representan ao PP galego.
"Estamos moi felices de que o recoñeza", sinalou Gulías que, empregando unha gran dose de ironía, suxeriu que o BNG pontevedrés fará de intermediario, se así o desexan os populares, para que o PP de Pontevedra poida ter unha reunión con Néstor Rego.
Ao deputado nacionalista no Congreso, engadiu a portavoz do BNG, Rafa Domínguez poderá trasladarlle as súas propostas e que estas poidan ser "axilizadas" ante o Goberno. "Non temos problema en preparar esa xuntanza", engadiu.
Néstor Rego, lembrou a dirixente do BNG, estará "a disposición" de todos os galegos "teñan a afiliación política que teñan".