O BNG acusa á Xunta de poñer escusas para non executar a dragaxe do Lérez

Pontevedra
30 de abril 2021

Os nacionalistas levarán á próxima comisión parlamentaria a proposta de tratar en terra os lodos que sexan tóxicos

Deputados e concelleiros do BNG esixen a dragaxe da desembocadura do Lérez BNG

O BNG denuncia que a Xunta de Galicia leva dez anos poñendo escusas para non facer a dragaxe da desembocadura do Lérez, un proxecto que os nacionalistas consideran fundamental para a rexeneración de 4,3 quilómetros do río, desde Corbaceiras ata a illa de Tambo.

Ademais, esta obra resulta tamén imprescindible para garantir a navegabilidade do río e a accesibilidade ao porto deportivo de Pontevedra.

Acusa o deputado pontevedrés do Bloque, Luís Bará, á Xunta de poñer escusas para non executar a dragaxe. "Primeiro foi o cambio de lexislación, logo o rexeitamento por parte das confrarías, o depósito das lamas na ría de Pontevedra; máis tarde o rexeitamento tamén que estes vertidos se fixeran nos depósitos situados na boca da ría de Arousa e inmediacións da illa de Sálvora, e parécenos unha auténtica burla, un desprezo, un insulto", critica o parlamentario.

Lembran desde o partido que en xuño do 2019 houbo un acordo unánime no Parlamento Galego para que a Xunta elaborase unha proposta alternativa, sostible, para os depósitos da dragaxe do Lérez, de tal maneira que se garanta que non se afectará a ningunha das rías, en especial da de Arousa, e para cumprir este acordo, o BNG propuxo no seu día que as lamas que sexan potencialmente tóxicas ou contaminantes sexan retiradas e tratadas en terra. 

"Desde hai un ano estamos agardando que se  fectivice este proxecto", remarcan os nacionalistas que levarán esta iniciativa á próxima comisión parlamentaria para que dunha vez por todas garántase a recuperación do río.