O BNG acusa a Telmo Martín de favorecer ás promotoras privadas coa rebaixa de chan para vivendas de protección oficial

Sanxenxo
03 de agosto 2017

Os votos de PP e SAL no pleno municipall permitiron reducir do 20% ao 5,55% o chan que terá que estar destinado vivenda de protección oficial (VPO) nos diferentes desenvolvementos urbanísticos en Sanxenxo

Vista aérea de Sanxenxo Turgalicia

Os votos de PP e SAL no pleno municipall permitiron reducir do 20% ao 5,55% o chan que terá que estar destinado vivenda de protección oficial (VPO) nos diferentes desenvolvementos urbanísticos en Sanxenxo, unha decisión que segundo asegura o BNG " incrementa o marxe de beneficio das empresas e responde ás políticas urbanísticas de Telmo Martín, sempre a favor dos intereses privados de promotores e construtores ".

O voceiro nacionalista no Concello de Sanxenxo, David Otero, advirte que os plans parciais que decairon por sentencia xudicial verán moi mermada a súa obriga de reserva "e moi incrementados os seus beneficios" cando se volvan tramitar.

David Otero recorda que esta modificación fora xa pretendida por Daniel Fernández, na súa etapa como concelleiro de Urbanismo, pero dende o BNG "non estabamos dispostos a rebaixar esas obrigas para as promotoras. Por ese motivo aparcou o asunto ata que xunto cos seus compañeiros de SAL decidiu dar o golpe e regalarlle a alcaldía a Telmo Martín e o goberno ao PP, cos que coinciden en ir en contra dos intereses das familias necesitadas de vivenda".

VANESSA RODRÍGUEZ TAMÉN CRITICA

A edil non adscrita, Vanessa Rodríguez Búa, tamén criticou con dureza a proposta formulada polo Partido Popular, que baseou a súa redución de reserva de Vivenda de Protección Oficial nun informe solicitado ao IGVS, no que constan exclusivamente 36 peticións cursadas por veciños de Sanxenxo.

Rodríguez Búa, considera que antes de tomar esta decisión Telmo Martín debería fomentar a inscripcion no rexistro de solicitudes para coñecer a demanda existente en Sanxenxo.