Pontevedra cidade e as súas comarcas doaron 90.000 quilos de comida á Fundación Provincial Banco de Alimentos na campaña da Gran Recollida Solidaria. Esta comida almacenarase na nave habilitada na rúa Faustino Santalices e supera en 10.000 quilos, os alimentos recolectados durante 2015.
En toda a provincia a cifra de alimentos doados ascende a 309.000 quilos. Na contorna de Pontevedra colaboraron 500 voluntarios nesta campaña que contou coa colaboración do reporteiro Gonzo, integrante do equipo de El Intermedio de La Sexta.
Por segundo ano consecutivo, o Banco de Alimentos contaba coa axuda altruísta de persoal da Brigada de Infantería Lixeira (BRILAT), a Unidade de Servizos da Base Xeral Trasfogueiro de Pontevedra e da Escola Naval Militar de Marín, que colaboraron en cuestións loxísticas para facilitar o transporte dos alimentos.
Eses produtos serán agora repartidos entre 35 colectivos sociais que os distribuirán entre ao redor de 3.000 persoas con dificultades económicas. Os resultados desta campaña garanten o abastecemento de comida ata a primavera de 2017.
A Fundación Provincial Banco de Alimentos é unha ONG que se define como apolítica e aconfesional e foi creada en 1995. Cada día entrega ao redor de 4.000 quilos de alimentos na provincia. Durante 2015, esta entidade entregaba 1,7 millóns de quilos de comida, un 30% máis que durante o ano anterior.