O autor confeso do crime de Ponte Caldelas, condenado a 18 anos de prisión

Pontevedra
08 de novembro 2019

A Audiencia Provincial ditou esta semana unha sentenza condenatoria para Marcos Vidal en base ao veredicto do tribunal de xurado. Rexeita a petición dos pais da vítima de que se reabra a causa xudicial contra a viúva do falecido e de que se deduza testemuño da súa declaración durante o xuízo por un delito de falso testemuño 

Marcos Vidal, autor confeso do crime de Ponte Caldelas, durante o xuízo na Audiencia Cristina Saiz

Marcos Vidal, autor confeso do coñecido como crime de Ponte Caldelas, deberá cumprir 18 anos e seis meses de prisión como responsable dun delito de asasinato no que concorren as circunstancias agravantes de aleivosía e asañamento e as atenuantes de confesión e de dilacións indebidas por matar a Manuel Rivas, marido da que fora a súa parella sentimental. 

A sección cuarta da Audiencia Provincial ditou esta semana unha sentenza condenatoria para Marcos Vidal en base ao veredicto do tribunal de xurado que o xulgou o pasado mes de outubro e o declarou culpable. 

En base a ese veredicto, a maxistrada da Audiencia imponlle tamén a pena de prohibición de aproximación á viúva da súa vítima e a súa ex noiva, Sandra Martínez Araujo, o seu domicilio, lugar de traballo ou calquera lugar en que se atope a menos de 150 metros e de comunicar con ela por calquera medio. Ambas as prohibicións terán unha duración de 23 anos.

Ademais, a sentenza imponlle a medida de liberdade vixiada por un tempo de 8 anos e a obriga de indemnizar con 40.000 euros aos pais da súa vítima e con 30.000 euros á súa viúva, nos tres casos polos danos morais causados.

A sentenza da Audiencia tamén fai referencia á petición que realizou Andrés Malvar, avogado dos pais de Manuel Rivas, que, tras o xuízo, pediu que se deducise testemuño do veredicto do xurado para reabrir a causa xudicial na que, ata fai escasos metros, estivo investigada tamén a viúva do falecido pola súa posible implicación nos feitos xulgados. A investigación de Sandra Martínez arquivouse de forma provisional e o fallo xudicial ditado pola Audiencia considera que así debe seguir, pois "non se estima procedente" esa reapertura.

A maxistrada da Audiencia tamén rexeita a petición realizada tanto polo avogado dos pais da vítima como polo letrado defensor do acusado de que se deducise testemuño en relación coa declaración de Sandra Martínez Araujo durante o xuízo por se os feitos fosen constitutivos dun delito de falso testemuño

Esta sentenza ditada esta semana considera como feitos probados que o día 28 de novembro de 2015, Marcos Vidal, que mantivo unha relación sentimental intermitente con Sandra Martínez, acudiu ao domicilio que tiña co seu esposo, Manuel Ángel Rivas Muiños, na rúa México de Ponte Caldelas, esperou no corredor e, cando Manuel se dispoñía a saír, os dous entraron no interior da vivenda. Tras acceder á habitación conxugal, cando Marcos soubo que Sandra e Manuel seguían compartindo leito, tirouno ao chan.

Segundo este relato de feitos, mentres lle inmobilizaba o ombreiro dereito, Marcos colleu unha navalla que levaba e, co propósito de acabar coa súa vida, púxose encima de Manuel e asestoulle diversas puñaladas en distintas partes do corpo. Tres das asestadas na cavidade anterior do tórax e a asestada nas costas producíronlle a morte ao penetrar na cavidade torácica. Atopándose Manuel tendido no chan, Marcos Vidal chamou por teléfono a Sandra e, co mesmo móbil, fixo unha fotografía á súa vítima e remitiulla.

O xurado declarou probado por unanimidade que o ataque foi sorpresivo e inesperado, sen que o falecido tivese oportunidade de defenderse e por maioría de 8 votos que Marcos era consciente de que o feito de portar unha navalla proporcionáballe superioridade ao atacar a Manuel e aproveitouna.

Tamén por unanimidade, o xurado declarou probado que Marcos Vidal asestou máis puñaladas das necesarias para causar a morte coa finalidade de aumentar a dor de Manuel e que confesou os feitos e entregouse.