O autobús sinistrado en Cerdedo caeu 40 metros ata acabar somerxido no Lérez

Cerdedo-Cotobade
25 de decembro 2022

As autoridades definen este rescate como "complexísimo". O autobús de Monbus, que cubría a liña Lugo-Vigo, saíu da vía e, tras caer desde a ponte durante uns 75 metros, acabou mergullado no río Lérez. Uniranse hoxe máis medios e recursos, pois seguramente se necesite inspeccionar o leito do río e as súas marxes

Autobús accidentado en Cerdedo EFE / Lavandeira Jr.

Pasados dezanove minutos das nove da noite, o 112 Galicia recibiu unha chamada. Unha persoa alertaba de que a barreira de protección da ponte de Pedre, en Cerdedo-Cotobade, estaba completamente esnaquizada. Iso só pasaría se un vehículo caese por alí.

Era o inicio dun rescate que as autoridades definen como "complexísimo". Un autobús de Monbus, que cubría a liña Lugo-Vigo, saíu da vía e, tras caer desde a ponte durante uns 40 metros -segundo os cálculos da Garda Civil-, acabou mergullado no río Lérez.

Durante horas, xa entrada a madrugada, o dispositivo despregado logrou rescatar con vida a dúas persoas, o condutor do autobús e unha pasaxeira, mentres que outros dous viaxeiros foron achados xa falecidos. Polo menos outras tres persoas seguen desaparecidas.

Os dous sobreviventes foron evacuados ao Hospital Clínico de Santiago -o condutor- e a Montecelo, en Pontevedra, segundo informan fontes do 112 Galicia.

As tarefas de rescate tiveron que suspenderse polas malas condicións: un elevado caudal do Lérez, moita corrente e un nivel de auga no interior do autocar que xa tocaba o teito do vehículo. Retomáronse este domingo.

Bombeiros e efectivos de grupos de emerxencias volveron ao escenario dos feitos, Pedre, para proseguir coa procura. Probablemente, uniranse máis medios e recursos, pois seguramente se necesite inspeccionar o leito do río e as súas marxes.

Alí, ademais dos bombeiros, están a traballar efectivos do grupo de rescate en altura e acuático e dos GEAS da Garda Civil, persoal sanitario do 061, o GES da Estrada e Protección Civil de Cerdedo-Cotobade. 

Está prevista a saída do helicóptero Pesca 1 dos Gardacostas de Galicia, en canto mellore o tempo e instalouse un posto de mando avanzado, albergue e anfibio, que inclúe expertos do grupo de intervención psicolóxica en catástrofes do Colexio de Psicoloxía de Galicia.

Para acceder ata o vehículo, os bombeiros tiveron que empregar unha liña de vida, para suxeitarse desde o punto máis elevado da ponte e poder acceder ata o autobús.

Houbo, ademais da chamada que alertaba do accidente, unha segunda comunicación telefónica cos servizos de emerxencias. Esta vez, desde o interior do autocar.

Desta maneira, coñecéronse novos datos, como que o traxecto que seguira o vehículo da empresa Monbus ou que, tras caer, ao río o habitáculo comezouse a encher de auga. Sobre o número total de pasaxeiros, pouco se puido precisar, entre seis e oito.

Arquivado en