O asador no que Pepe Vieira cociñará "a fuego"

Pontevedra
21 de decembro 2021

O chef Pepe Vieira abrirá un segundo restaurante en Pontevedra. E, de novo, puxo os seus ollos no centro histórico. A antiga Ferraxería Varela, na praza de Curros Enríquez, converterase nun asador que terá ás brasas e ao lume como a alma da súa cociña

Antiga Ferretería Varela, futuro asador de Pepe Vieira
Antiga Ferretería Varela, futuro asador de Pepe Vieira / Mónica Patxot

O chef Pepe Vieira abrirá un segundo restaurante en Pontevedra. E, de novo, puxo os seus ollos no centro histórico. A antiga Ferraxería Varela, na praza de Curros Enríquez, converterase nun asador que terá ás brasas e ao lume como a alma da súa cociña.

"Non foi un proxecto premeditado", sinala o cociñeiro a PontevedraViva, que explica que "non estabamos a buscar un local novo". Todo xurdiu tras coñecer ao dono do local, Rafael Varela, que o levou ata alí "por curiosidade".

O que non esperaba Pepe Vieira é que, nada máis entrar, "namoreime a primeira vista". E non o dubidou. Durante un ano estivo negociando cos propietarios, aos que agradece que "sempre quixeron que a cidade puidese gozar dese edificio".

Iso si, recoñece que abordar este proxecto "non foi fácil" porque se trata dun local moi grande e dun restaurante "moi ambicioso". O primeiro, foi atinar coa mellor proposta.

Durante anos "pedíronnos abrir La Ultramar noutros sitios, pero non nos gusta a idea de replicar formatos", subliña o cociñeiro pontevedrés, que afirma que "nos gusta que cada restaurante que facemos teña un concepto diferente".

Nese proceso de "pensar que encaixaba ben aquí", tivo claro que se hai algo "xenuíno" da tradición gastronómica galega eran as churrasquerías, "un modelo de éxito que lle gusta a todo o mundo" ao ser restaurantes familiares e con prezos "non demasiado elevados".

"Todo será ao redor da brasa e o lume", detalla Pepe Vieira, que recoñece que será un reto para el e o seu equipo porque "ningún fomos por aí", pero deixando claro que "nos apetecía porque é como unha volta á orixe da cociña ancestral".

O lume neste novo restaurante "será un ingrediente máis da cociña" porque, segundo Vieira, "achega sabor e carácter a todo o que cociñas". Apenas haberá gas. Todo se cociñará con leña e carbón ao redor dunha enorme brasa e un forno, segundo consta no proxecto.

O novo restaurante, que prevé abrir as súas portas a finais de 2022, terá dous espazos diferenciados. A planta baixa será un lugar de "tapeo e cañeo desenfadado" con mesas altas e a zona superior, a máis nobre do edificio, a adega e o restaurante.

Entre ambos estará o "corazón" deste proxecto, unha cociña acristalada que se poderá ver desde todo o restaurante e desde a rúa. "Ese é o denominador común dos nosos restaurantes, que a xente poida entrar nas cociñas", destaca os seus responsables.

As circunstancias fixeron que este proxecto, que será a "guinda do pastel" para Pepe Vieira, xuntárase coa rehabilitación do Pazo da Buzaca ne Moraña, que o cociñeiro reservará para vodas e eventos e que "xa está case completo para todo 2022".

Isto provocará que estas celebracións deixen de facerse no restaurante de Raxó, que está en pleno proceso para converterse nun "hotel de natureza", un espazo que "por fin empeza a ser unha realidade" e que fará que Camiño da Serpe "colla máis forza".