O artigo de The Guardian dispara o interese dos medios internacionais por Pontevedra

Pontevedra
21 de setembro 2018

Felizmente desbordados. Así están no Concello de Pontevedra ante a avalancha de peticións que, a partir do artigo publicado sobre a cidade no xornal británico The Guardiana>, están a facer chegar medios internacionais interesados en realizar entrevistas ou reportaxes sobre o modelo urbano da Boa Vila.

Miguel Anxo Fernández Lores, co artigo de The Guardian no fondo PontevedraViva

Felizmente desbordados. Así están no Concello de Pontevedra ante a avalancha de peticións que, a partir do artigo publicado sobre a cidade no xornal británico The Guardian, están a facer chegar medios internacionais interesados en realizar entrevistas ou reportaxes sobre o modelo urbano da Boa Vila.

The Guardian, o mesmo xornal que escolleu no seu día á praia de Rodas (Illas Cíes) como a mellor do mundo, cualificaba na súa reportaxe a Pontevedra como a cidade española que "expulsou" aos coches e converteuse nun "paraíso" para vivir.

A repercusión internacional que alcanzou este artigo, segundo explicou o alcalde, servirá para que se produza un "salto adiante" na proxección exterior de Pontevedra e xerará, engadiu Miguel Anxo Fernández Lores, retornos económicos "indiscutibles".

Só na web do xornal, sinalou o rexedor citando os datos achegados polo autor da reportaxe, este artigo foi lido por un millón de persoas e, o que é máis importante, disparou o interese de xornais, radios e televisións de todo o mundo.

Ata agora, recoñeceu Fernández Lores, os premios e recoñecementos logrados por Pontevedra nos últimos anos posicionaran á cidade en "certos sectores profesionais e especializados", pero a partir deste artigo o modelo urbano pontevedrés chegará a un "número impresionante" de cidadáns de todo o mundo.

Ademais, permitiu que Pontevedra "se abra camiño" no complicado e influente mercado anglosaxón, que se resistiu ata agora.

Así, nos próximos días a axencia Associated Press, a máis importante do mundo, virá a Pontevedra a gravar unha reportaxe en vídeo sobre a cidade. Tamén o fará o programa Informe Semanal de TVE. O goberno municipal recibiu ademais peticións de medios de Estados Unidos, Chile ou Colombia, entre outros.

"Isto era impensable hai cinco, dez ou quince anos", sinalou o alcalde, que celebrou que o modelo urbano de Pontevedra estea "na boca de todo o mundo", algo que segundo quixo destacar é "mérito de todos" os cidadáns.