O aroma e as cores vivas da camelia namoran o público no concurso internacional de Pontevedra

Pontevedra
09 de marzo 2019

O concurso exposición internacional da camelia, na súa 45 edición, xa abriu as súas portas e fíxoo con gran éxito. Milleiros de persoas pasaron xa polo Recinto Feiral de Pontevedra para contemplar as flores que achegaron produtores de todo o mundo e interesarse polos produtos producidos coa camelia, como o té e o aceite

Concurso exposición internacional da camelia 2019 Mónica Patxot

O concurso exposición internacional da camelia, na súa 45 edición, xa abriu as súas portas e fíxoo con gran éxito. Milleiros de persoas pasaron xa polo Recinto Feiral de Pontevedra para contemplar as flores que achegaron produtores de todo o mundo e interesarse polos produtos producidos coa camelia, como o té e o aceite.

Na inauguración do concurso, entre outras autoridades participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; ou a deputada Eva Vilaverde, delegada da Estación Fitopatolóxica de Aeeiro. Ambos destacaron que a camelia sexa unha das flores ornamentais máis recoñecidas do país.

Hai tres anos, cando a Deputación organizou a anterior mostra, xa se avanzara no obxectivo de amosar as posibilidades produtivas da flor, polo que Eva Vilaverde entende que se debe tomar un novo camiño e difundir as investigacións atesouradas en Areeiro entre as comunidades de montes para obter aproveitamentos co seu cultivo no ámbito forestal.

A deputada sinalou que a LV Mostra da Camelia, logo do seu paso por Vigo e Vilagarcía, pretende volver destacar a flor "e todo o que este cultivo significa no noso país", que na súa opinión "vén sendo todo un universo que abrangue un amplísimo abano de posibilidades ornamentais, turísticas e produtivas".

"A camelia é moito máis que unha flor", destacou Vilaverde, que recordou o "importante" camiño avanzando na popularización dos usos da camelia, a través da difusión dos produtos derivados do seu cultivo, como son o té cen por cen galego, que xa é unha realidade, ou as investigacións sobre a obtención do aceite a partires das sementes.

MENÚ DEGUSTACIÓN DE CAMELIA

Despois da inauguración e de percorrer as bancadas de flor identificando os diferentes cultivares de camelia, tivo lugar o showcooking a cargo do chef IñakiBretal.

O cociñeiro do grupo Nove preparou un menú degustación a base de camelias como ingrediente formado por un entrante, un primeiro prato, un segundo e unha sobremesa que, unha vez rematados, se repartiron entre as persoas asistentes.

Os pratos foron vieira afumada coas follas da camelia, peixe con allada de aceite de camelia, carneiro con prebe de camelia e pétalos encurtidos, así como brioche e torrixa con camelia.

O showcooking desenvolveuse con Bretal explicando os pasos para crear cada un dos pratos mentres o seu xefe de cociña, Javier Alonso, realizaba nos fogóns todas as elaboracións e, posteriormente, dúas persoas montaban os 180 pratos a degustar o que, segundo se prevía, xerou unha grande expectación por parte do público, ao igual que na pasada edición.

ACTIVIDADES PARA O DOMINGO

Na xornada do domingo, as portas do Recinto Feiral abrirán ás dez da mañá, hora dende a que se poderán contemplar as flores presentadas a concurso polas 42 persoas cultivadoras, chegadas de diversos puntos do país.

Ás once, terá lugar a xornada técnica Patoloxías e afeccións sanitarias máis habituais na camelia, métodos de control, a cargo do doutor enxeñeiro de Montes Pedro Mansilla.

Unha hora despois, ás doce, será a entrega de premios aos mellores cultivadores de camelia presentes no LV Concurso Exposición Internacional, co agasallo da tradicional Camelia de Ouro á mellor composición floral e con esculturas especificamente realizadas para a ocasión ao resto das composicións máis destacadas. 

Xa pola tarde, ás cinco, haberá outra xornada técnica sobre O cultivo da camelia como especie restauradora en zonas forestais, a cargo da xefa do servizo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Carmen Salinero; e ás seis e media presentarase o libro Xardíns históricos na provincia de Pontevedra, editado pola Deputación de Pontevedra.

Durante todo o día estará habilitado un espazo infantil para nenos e nenas maiores de tres anos, que estará atendido por monitores. O peche de portas será ás 21 horas.