O aparcamento do Recinto Feiral será rehabilitado

Pontevedra
26 de xuño 2017

Xunto coa reforma do firme, esta actuación incluirá o repintado das 184 prazas de aparcadoiro que hai nesta zona, a mellora das beirarrúas entre a avenida de Compostela e as instalacións da Policía Local e novos itinerarios peonís. Ademais, renovaranse as conexións de auga e saneamento e soterrarase a liña telefónica que dá servizo ao Pazo da Cultura

Aparcamento do recinto feiral de Pontevedra PontevedraViva

O Concello poñerá fin ao precario estado do firme do aparcadoiro do Recinto Feiral, infestado actualmente de pequenas fochas. O goberno municipal iniciou os trámites para adxudicar os traballos de rehabilitación, orzados en case 242.000 euros.

Xunto coa reforma do firme, esta actuación incluirá o repintado das 184 prazas de aparcadoiro que hai nesta zona, a mellora das beirarrúas entre a avenida de Compostela e as instalacións da Policía Local e novos itinerarios peonís.

Ademais, renovaranse as conexións de auga e saneamento e soterrarase a liña telefónica que dá servizo ao Pazo da Cultura.

O prazo de execución para estes traballos, unha vez adxudicados, será de tres meses.

En total, o aparcadoiro ocupa un espazo de case 6.000 metros cadrados.

TRES ADXUDICACIÓNS

A Xunta de Goberno, pola súa banda, procedeu a adxudicar tres obras anunciadas recentemente.

A empresa COVSA executará, por 229.684 euros, a renovación integral da praia fluvial do Lérez e da zona de baño, que estarán en óptimas condicións para o próximo verán. Esta mesma compañía rehabilitará tamén o ámbito entre O Regueiriño e A Carballeira, dous núcleos da parroquia de Lourizán, por 207.384 euros. 

Pola súa banda, a rehabilitación da rúa do Costado, na Seca, será realizada por Ediserpo por 235.591 euros. Actuarase entre A Seca e Santa Margarida cunha obra que inclúe medidas de seguridade viaria e de acougado de tráfico.