O aparcamento disuasorio do centro de Sanxenxo bota o peche

Sanxenxo
21 de xuño 2022

O goberno local explica que esta decisión tomouse despois de que os propietarios do chan acordasen deixar de ceder o uso da parcela ao Concello

Sanxenxo perde unha das súas zonas de estacionamento disuasorio (P3) na rúa Progreso Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo informa á cidadanía do peche inmediato do aparcamento disuasorio do centro da vila, a situada fronte ao Hotel Terraza.

Explican desde o goberno local que esta decisión debeu adoptarse despois de que os propietarios do chan acordaron nunha xunta non ceder este espazo para manter o estacionamento. Desde o executivo dirixido por Telmo martín aseguran que trataron "ata o último momento" manter o acordo de cesión, "pero non foi posible".

Este mesmo martes procederon xa ao peche da entrada pola Rúa Progreso e os vehículos que estean alí estacionados deberán abandonar o terreo o máis axiña posible. Será a Policía Local a encargada de informar os propietarios dos coches alí estacionados da nova situación.

Este aparcamento contaba cunha superficie para 240 vehículos. Agora, o Concello buscará novas alternativas.