O antigo convento de Santa Clara contará con dous novos puntos de acceso despois da súa rehabilitación

Pontevedra
29 de abril 2024

Este luns reuniuse a comisión de seguimento e control do convenio de Santa Clara, na que participaron o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; o concelleiro César Mosquera en representación do Concello de Pontevedra e técnicos de ambas as institucións, que foron precisamente quen solicitou a convocatoria deste encontro

Comisión de seguimento do convenio de Santa Clara Mónica Patxot

Este luns reuniuse a comisión de seguimento e control do convenio de Santa Clara, na que participaron o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; o concelleiro César Mosquera en representación do Concello de Pontevedra e técnicos de ambas as institucións, que foron precisamente quen solicitou a convocatoria deste encontro.

Rafa Domínguez agradeceu a "buenísima disposición" e o "buen trato" do Concello de Pontevedra polas "buenas ganas de trabajar, la buena voluntad de avanzar" e o "ejemplo de cooperación entre dos instituciones".

Esta "buena sintonía" reflectiuse nunha serie de acordos, por exemplo, respecto a os dous novos accesos ao recinto conventual e aos seus xardíns: un pola praza de Barcelos e outro pola rúa de Santa Clara.

Mosquera tamén trasladou a disposición do Concello de colaborar economicamente nestes accesos. A intención do goberno local é brindar "todas as facilidades", manifestou Mosquera.

"Analizada a situación, falada co alcalde e co concelleiro de Facenda, hai vía libre para achegar máis cartos", dixo Mosquera sen concretar unha cifra. Recoñeceu que "o Concello non ten o músculo económico que ten a Deputación", pero asegurou que será factible facer como xa se fixo con outras obras como o Hospital de Montecelo, no que a administración local "non puxo o gordo, pero puxo".

Na actualidade o Concello está a executar unha importante reforma na contorna de Barcelos que deixará para o final a zona na que se situará o acceso a Santa Clara. Esta entrada ao convento invadirá parte da praza. Barállase mesmo a posibilidade de que non se toque o muro do convento e que se deseñe unha gran entrada soterrada.

No que respecta ao acceso pola rúa Santa Clara, o Concello de Pontevedra cederá un xardín da súa titularidade situado preto da Casa de Obras Misionales Pontificias e tamén se comprometeu a colaborar economicamente para que este novo punto de entrada ao recinto sexa unha realidade. A compra deste inmoble ao Arcebispado de Santiago está xa acordada pero segue pendente de que a Iglesia achegue unha documentación.

Nieto Sobejano, o estudo de arquitectura que gañou o concurso de ideas convocado pola administración provincial para deseñar a rehabilitación integral do convento, xa asinou o contrato coa Deputación e "a finales de mayo o principios de junio" entregará o proxecto final de arquitectura para converter ao antigo cenobio das clarisas no sétimo edificio do Museo de Pontevedra.

Incluirá tamén o proxecto de axardinamento "por mayor operatividad y porque es mejor desde el punto de vista de pedir las licencias", explicou o vicepresidente. Precisamente este era un dos temas que querían aclarar os técnicos, axilizar as concesións de licenzas para axilizar esta importante obra.

César Mosquera considera que "dificilmente" se poderá cumprir o prazo de catro anos para finalizar as obras "debido á decisión inicial do PP de paralizar o proxecto".

Nesta comisión de seguimento celebrada este luns tamén se autorizou o intercambio de documentación técnica por parte dos servizos xurídicos, arquitectónicos e técnicos da Deputación cos seus homólogos no Concello de Pontevedra que, ademais manterán reunións "para ir adiantando temas".

"Las cosas van bien", resumiu Rafa Domínguez. "La extrema complejidad de este proyecto hace que sea un reto, pero un reto ilusionante para todos", destacou.

Tamén Mosquera saíu hoxe da comisión de seguimento do convenio sensiblemente máis satisfeito que da última reunión co vicepresidente Rafael Domínguez. "Agora parece que houbo un cambio e se desatrancou todo, e rectificar é de sabios, hai que recoñecelo", subliñou.