O anteproxecto da nova Lei Estatal de Memoria Democrática e a impunidade do franquismo, a debate

Pontevedra
13 de xuño 2021

Colectivos memorialistas e representantes de partidos políticos analizaron cuestións relacionadas coa Memoria Histórica na Deputación de Pontevedra durante unha xornada de traballo en que a deputada María Ortega presentaba o catálogo de actividades gratuítas que se ofrecerá durante este 2021 desde o departamento de Memoria Histórica da institución provincial

Xornada 'Galiza ten memoria. Políticas públicas' Deputación de Pontevedra

Representantes de 17 colectivos  memorialistas analizaron e debateron na Deputación de Pontevedra temas de actualidade como o anteproxecto da nova Lei Estatal de Memoria Democrática, a impunidade do franquismo nos tempos actuais, a simboloxía franquista que permanece en diferentes localidades, o litixio xudicial coa familia Franco polo Pazo de Meirás ou a dificultade para acceder a arquivos que permitan investigar o golpe militar do 36 e a ditadura

Estes temas tratábanse durante a xornada 'Galiza ten memoria. Políticas públicas', que organizaba o Departamento de Memoria Histórica da Deputación, que dirixe a deputada María Ortega. Neste debate tamén participaron representantes dos tres grupos políticos do Parlamento de Galicia.

Con esta xornada, a institución provincial busca un intercambio de pareceres para crear un foro de contacto que permita o diálogo coas administracións sobre estas temáticas. Durante este encontro, numerosas asociacións mostraron o seu espírito crítico como a nova Lei de Memoria Democrática ao entender que deixará sen resolver a defensa das vítimas do Franquismo.

Tamén se desenvolveu unha análise sobre as políticas públicas de memoria en Galicia na que non faltaron críticas sobre a falta dun departamento específico que trate cuestións relacionadas coa Memoria Histórica.

Fíxose unha petición expresa ás administracións para que se unan á reclamación da sociedade para a recuperación do Pazo de Meirás que permita a entrada da democracia neste edificio simbólico. 

Ademais deste debate, a deputada María Ortega realizou unha presentación do catálogo de actividades que o Departamento de Memoria Histórica levará a cabo ofrecéndollo aos diferentes municipios da provincia e aos colectivos que queiran poñer en marcha propostas de maneira gratuíta ao longo deste 2021. 

Entre estas iniciativas atópase o  pre-estrea do documental 'Acorda', dirixido artisticamente por Uxía, ademais da escenificación de 'A señora de Forcadela', unha peza teatral e do taller de 'Músicas represaliadas' a cargo do músico Xurxo Souto.